Feira do Stock, que se Celebra Esta Fin de Semana no Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

GRANDES DESCONTOS, SORTEO DE VALES DE COMPRA E ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN INFANTIL, PRINCIPAIS RECLAMOS DA 16 FEIRA DO STOCK, QUE SE CELEBRA ESTA FIN DE SEMANA NUNHA CARPA INSTALADA NA PRAZA MAIOR

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Once establecementos de todos os sectores comerciais ofertarán nesta fin de semana os restos do remate da tempada de inverno, durante a 16 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto, e que foi presentada este mediodía pola concelleira de Comercio, Silvia Baranda, e a xerente do CCA, Noelia Mares.

O evento celebrarase o venres 6, o sábado 7 e o domingo 8, nunha carpa instalada na Praza Maior, e será inaugurada o venres ás 17,00 h. Os horarios de apertura serán: venres, de 17,00 a 21,00 h, e sábado e domingo, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 h.

Como incentivo, haberá grandes descontos de ata un 90%, e a posibilidade de entrar nun sorteo de vales de compra por valor de 200 euros, en vinte vales de 10 euros. Este sorteo terá lugar o domingo ás 21,00 h.

Así mesmo, o sábado e o domingo pola tarde están programadas diversas actividades de animación infantil, que correrán a cargo de Tempo Libre Máxico.

Na feira estará representada unha gran gama dos sectores comerciais, como moda infantil e xuvenil, moda home, moda muller, zapaterías, librerías, etc.

Unha gran carpa translúcida, que ocupa todo o espazo da parte central da Praza Maior, acollerá aos stands participantes, en previsión de que se podan producir chuvias durante a celebración do evento.

Silvia Baranda dixo que o obxectivo da feira era incentivar as compras no comercio local, e que por eso animaba á veciñanza a visitar os stands. Amosou unha vez máis o apoio do concello ao comercio da vila, e desexou o mesmo éxito que na última edición.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------