O presidente provincial, Luis Menor, visitou esta tarde os traballos de montaxe do parque de atraccións, que abrirá ao público do 26 de decembro ao 4 de xaneiro
Ourense, 21 de decembro de 2023.- O maior parque de atraccións de Galicia, Pazolandia, abrirá as súas portas do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 (o 1 de xaneiro, o horario será só de tarde). Con motivo da proximidade deste evento, o presidente provincial, Luis Menor, visitou esta tarde as instalacións do pavillón Paco Paz para coñecer de primeira man a montaxe do parque de atraccións, agradecendo o traballo que están a facer os responsables do Pazo dos Deportes para que desde o próximo martes Pazolandia volva un ano máis a ser “un clásico da diversión no Nadal da nosa provincia”.
Máis de 60 concellos con nenos da provincia visitarán Pazolancia, que este ano contará con dúas interesantes novidades relacionadas coas atraccións. As dúas estarán instaladas no exterior da instalación debido o seu tamaño. Unha delas será o “Boomerang”, unha atracción que acada os 22 metros de altura no seu punto máis alto e que consiste nun péndulo que xira sobre o seu eixe cun tamaño de 19 metros de largo, 12 de ancho e 22 metros de altura. A segunda novidade é a “Pasaxe terror”, unha atracción de 10 metros de lonxitude pechada coas últimas tendencias relacionadas co mundo do terror e baseada en películas desta categoría. Outra das novidades destacadas nesta edición é o “Mundo do xoguete”, unha zona especial para os máis cativos con todas as tendencias en xoguetes para bebés e cativos de ata 5 anos.
Novidades
Estas novidades uniranse á tradicional oferta de atraccións de Pazolandia, onde non faltarán os coches de choque; os xogos hinchables; as camas elásticas; a zona de tatuaxes; os obradoiros de maquillaxe, chapas e globoflexia; o tren Disney; o coaster tigre; as zonas de videoxogos; os apartados de baloncesto e fútbol; a barredora; así como as atraccións no exterior como o “Saltamontes”, “La olla” ou a pista americana, entre otras. Tamén haberá gardarroupa gratuito e diferentes opcións de restauración para todos os gustos.
Pazolandia conta cunha afluencia estimada de 25.000 persoas durante as vacacións do Nadal, cuxa entrada custará 5 euros para o público xeral e 4 euros para grupos en viaxes promovidos polos concellos da provincia. A venta de entradas online pódese realizar a través de www.pazolandia.es