A Deputación de Ourense levará a cabo un proxecto para modernizar o padrón municipal das entidades locais

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense, a través da área de Transparencia  e Goberno Aberto, levará a cabo un proxecto que permita modernizar o padrón municipal das entidades locais, tal e como explicou hoxe a vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa, aos rexedores dos concellos de Ourense, durante unha xornada informativa no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Neste encontro de traballo, Marta Nóvoa explicou os detalles deste proxecto que a Deputación de Ourense presentará á convocatoria de axudas destinadas á transformación dixital e modernización dos sistemas de xestión do padrón municipal das entidades locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Política Territorial.

A Deputación de Ourense, na súa máxima de reforzar a cooperación cos concellos, “abrimos outra vía de colaboración para poñer en marcha un novo sistema de xestión sobre o territorio de ámbito municipal, contando cunha base de datos de vivendas baseada na referencia catastral e tamén para facilitar a transición do sistema actual ao sistema de padrón online no que se intercambiará a información co INE en tempo real”, explicou Marta Nóvoa.

Este proxecto contempla a posta en marcha un novo sistema de xestión da información sobre o territorio de cada municipio, separando completamente esta da información das persoas, e o intercambio entre padróns municipais e o INE, mediante servizos web.

A Deputación de Ourense presentará este proxecto á convocatoria anteriormente citada, financiada con fondos Next Generation, a comezos do mes de marzo por un importe aproximado  de 1,5 millóns de euros. Pola súa parte, os concellos da provincia tan só terán que remitir un escrito de adhesión á institución provincial indicando as actuacións nas que queren participar.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------