Ribeiro en Común pide abordar a unión de concellos na comarca do Ribeiro.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

RIBEIRO EN COMÚN presenta unha iniciativa no Pleno de Ribadavia para abrir o debate da necesidade de unir forzas e recursos nunha comarca en situación socioeconómica e de despoboamento preocupantes.

O ineficiente financiamento dos concellos do Ribeiro por parte das Administración superiores debería levar a buscar solucións. A fusión de concellos significa reforzar en poboación, territorio, recursos e financiamento aos actuais concellos da comarca que están en vías de despoboamento e empobrecemento, Ribadavia incluída. Negar isto non vai resolver os problemas que vivimos, e isto é así a pesar do enorme potencial e riquezas das que dispón tanto Ribadavia como o Ribeiro, que continúan aí á espera dun cambio substancial que as active.

Ribadavia,18 abril de 2024.
A comezos do presente mes, a Xunta de Galicia anunciaba a súa intención de volver promover a unión de concellos galegos. Nesta liña, desde a  Fegamp anunciaban tamén que non se opoñía a fusións voluntarias entre concellos.
A situación de Ribadavia é a de baixando dos 5.000 habitantes, con escaso territorio pero en consecuencia cunha importante densidade poboacional, mentres os demais municipios do Ribeiro rondan os escasos mil habitantes, e algúns moitos menos. Non existe un polígono industrial potente, e en Ribadavia tampouco existe solo industrial suficiente para as necesidades e o potencial que O Ribeiro ten. Infraestruturas insuficientes na comarca, e servizos públicos que moitas veces recaen no Concello de Ribadavia, e que sen embargo poderían estenderse a toda a poboación do Ribeiro aumentándoos e mellorándoos. 
Na actualidade, e estando aínda pendente de publicarse os datos e conclusións do informe da Xunta sobre a fusión de concellos, encargado á Fundación Juana de Vega, o que si é certo é que hai concellos e comarcas galegas nas que a fusión de concellos e sobre todo a centralización de servizos e infraestruturas é o único camiño para a xestión eficiente dos recursos públicos, que a Ribadavia e ao Ribeiro cada vez chegan con máis limitacións. 
Neste contexto institucional e debido a situación moi preocupante de despoboamento comarcal, onde todos os parámetros socioeconómicos son negativos ou moi negativos,  Ribeiro en Común presenta esta iniciativa para que o Concello de Ribadavia inicie o proceso de diálogo e aproximación de posturas de cara a:
1.  Interlocución coa Xunta e concellos da comarca do Ribeiro para a realización dun Estudo de viabilidade de fusión e unión voluntaria de concellos da comarca do Ribeiro. Poden ser dous, tres ou os dez, sen dúbida o exemplo demostración pode abrir as portas a unha integración maior. Os concellos limítrofes e mesmo os que comparten núcleos promiscuos, serían as máis acaidas.
2. Cooperación intermunicipal para compartir servizos e infraestruturas entre Ribadavia e outros municipios da comarca que así o desexen.
Non se trata de repetir os erros nin emular estruturas que se demostraron incapaces de xestionar, como por exemplo a falida Mancomunidade do Ribeiro.  
A fusión de concellos non é crear administracións paralelas escuras e que obedecen a intereses partidistas e de parte, senón que é reforzar en poboación, territorio, recursos e financiamento aos actuais concellos da comarca que están en vías de despoboamento e empobrecemento, Ribadavia incluída. Negar isto non vai resolver os problemas que vivimos, e isto é así a pesar do enorme potencial e riquezas das que dispón tanto Ribadavia como o Ribeiro, que continúan aí á espera dun cambio substancial que as active.

O Concellos de outros estados europeos teñen unha configuración acorde as súas necesidades e máis realista que os do réxime local español. A administración local española e galega son anacrónicas. Basta con comparar os concellos galegos cos do norte de Portugal para comprobalo, sen necesidade de facer máis análise comparado.

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN NO PLENO DE ABRIL:
    1. O Concello de Ribadavia solicita que a Xunta realice o estudo e proxecto de viabilidade de fusión voluntaria de concellos na Comarca do Ribeiro.
    2. O Concello, a través do goberno local, inicie accións neste sentido, na Xunta, Deputación provincial e co concellos da comarca, buscando a implicación das partes.