Galiza Cultura celebra unha xornada de recuperación e dignificación da obra e pensamento de Castelao no 40 aniversario da traída dos seus restos
A xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación’ celebrarase o sábado 29 de xuño, desde as 9.45 horas, en Santiago de Compostela
Esta actividade realizarase conxuntamente cunha campaña que se desenvolverá en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego
A Federación de asociacións culturais galega reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas para achegármonos ao contexto cultural, social e político da Galiza na que se trouxeron os restos de Castelao así como farán unha aproximación á vixencia do seu pensamento e da súa obra na actualidade
O Museo do Pobo Galego albergará esta xornada de mañá e tarde que presenta unha extensa programación con palestras, debates, mesas redondas e proxeccións de audiovisuais
Santiago de Compostela, 14 de xuño. O vindeiro sábado 29 de xuño, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, que acubilla ao tecido asociativo do sector no país, organizará, desde as 9.45 horas, no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, a xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación‘, coincidindo co aniversario da traída dos seus restos a Santo Domingos de Bonaval.
A xornada, que reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas, ten por obxecto, en sendas quendas de mañá e tarde, analizar o contexto cultural, social e político no que esta traída se realizou, recuperar o pensamento e a obra do político galego e a analizar a súa vixencia na actualidade.
Deste xeito, a programación da mañá prevé comezar ás 9.45 horas coa presentación da data a cargo de Xosé Manuel Carril, presidente da Federación Galiza Cultura, e Anxo Louzao, portavoz da Plataforma Vía Galega.
A seguir desenvolveranse, sucesivamente, tres palestras que terán como eixo, precisamente, dar contexto á traída dos restos de Castelao, o seu pensamento político e como na actualidade está a ser tratada e dignificada a súa figura.
Así, a partir das 10 horas, terá lugar a palestra ‘As razóns dun conflito’, cargo de Francisco Rodríguez, historiador, profesor e escritor, que será introducido por Pilar Allegue, profesora de filosofía e escritora, actividade que porá o marco a respecto da situación creada por quen se apropiou da figura de Castelao naquel momento para traer os seus restos e a última vontade do político galego antes da súa morte, antagónica coa situación política que a aquela altura se vivía.
A seguir, ás 10.30 horas, será a quenda da palestra ‘O pensamento de Castelao’ a cargo de Manuel Rei Romeu, docente e escritor, coa introdución de Lucía Veciño, graduada en Historia e secretaria da Fundación Galiza Sempre, na que se abordará o pensamento e obra de Castelao e a súa significación e importancia a aquela altura na sociedade galega e a súa influencia na política galega.
Ao seu remate, e desde as 11 horas, terá lugar a terceira palestra da mañá baixo o título ‘Castelao 40 anos despois’, a cargo de Pilar García Negro, profesora e escritora, con introdución de Alberte Ansede, profesor e presidente da Fundación Manuel María, cunha achega a situación actual a respecto da figura de Castelao, o tratamento e dignificación do seu pensamento e a vixencia na nosa sociedade.
A quenda da mañá pecharase a partir das 12.30 horas cunha mesa redonda, ‘A vitoria de non xurar’, presentada por Guillerme Vázquez, licenciado en medicina e cirurxía, profesor e ex portavoz nacional do BNG, na que participarán Lois Diéguez, escritor, e Claudio López Garrido, economista, ambos parlamentarios do BN-PG expulsados do Parlamento galego en novembro de 1982, así como a proxección dun audiovisual de Bautista Álvarez, tamén, xunto cos anteriores, expulsado a aquela altura, que profundarán no sistema e marco políticos e na situación xerada no complexo sistema de partidos e as consecuencias nos anos posteriores.
Xa pola tarde, e desde as 16 horas, a xornada terá continuidade coa proxección dun audiovisual sobre a contorna e a propia data da traída dos restos de Castelao, o 28 de xuño de 1984, prólogo á mesa redonda ‘Verdade e dignidade na información’, coa participación dos xornalistas Tareixa Navaza, Xan Carballa e Alfonso Eiré, moderada por Margarita Ledo Andión, xornalista, escritora e cineasta, que achegarán, desde a perspectiva dos medios de comunicación, como se viviu aquela xornada, a cobertura realizada e o impacto mediático que tivo nunha sociedade sen redes sociais, sen apenas medios de comunicación televisivos, (so había dúas canles de televisións, da única televisión pública á aquela altura, TVE), e a retransmisión en vivo efectuada. Esta actividade baixará o pano da xornada logo de abrir un coloquio entre as persoas asistentes.
Finalmente advertir, que dadas as limitacións de aforo, é necesaria a anotación previa nesta xornada, dando prioridade á orde de inscrición, pudendo facerse esta unicamente a través do correo da Federación, isto é federacion@galizacultura.gal.
Con todo, esta xornada realizarase conxuntamente cunha campaña que previamente se desenvolverá en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego. Deste xeito, a Federación Galiza Cultura repartirá na vilas do país, de xeito gratuíto, naqueles establecementos que así o desexen, cartelaría que louva a figura de Castelao animando á merca da súa obra nestes comercios libreiros acollidos á campaña.
Por último sinalar, que esta actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área de Cultura da Deputación da Coruña e conta coa colaboración da Plataforma Vía Galega e do Museo do Pobo Galego.