Desde o Grupo municipal do BNG alédanse de que os argumentos esgrimidos polo xuiz do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense na sentenza, “coincidan plenamente co exposto polo BNG no seu día a través dun recurso de reposición, o que avala o noso posicionamento á hora de cualificar de ilegal dita licenza”
Ourense, 03 de agosto de 2024. O 29 de setembro de 2022 a Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, concedía Licenza de obra e de actividade para proxecto básico e de execución de construción dun Tanatorio na rúa do Tinteiro número 2 a ALBIA GESTION DE SERVICIO, S.L. Naquel momento, o Grupo municipal do BNG presentou un recurso de reposición ao entender que dita licenza “non se axustaba ao establecido no planeamento urbanístico actualmente en vigor para ese ámbito concreto”.
Os nacionalistas facían fincapé no feito de que “o lugar onde se pretendía situar o tanatorio para o que foi concedida a licenza encádrase no PXOM de Ourense dentro do sector urbano 31 (SU-31). Sinala o PXOM, en canto ás condicións de uso para este sector que as mesmas se axustarán ao cadro de usos permitidos e prohibidos que figuren no anexo correspondente” e engadían, “no que respecta ás condicións de uso deste sector 31 reguladas no apartado 3.2 da normativa establécense como usos prohibidos o funerario nas categorías 2ª, 3ª, 4ª, 5ª e 6ª, é dicir, só estaría permitido a categoría 1ª correspondente a velorio”.
Así mesmo, desde o BNG argumentábase en dito recurso que “establecido o anterior, o solo onde se pretende situar o tanatorio na súa regulación establece a prohibición de destinalo a tanatorio, no entanto os informes técnicos nada mencionan a este respecto, acudindo á ordenanza onde si se permitiría o uso para tanatorio, pero sendo esta regulación segundo o propio PXOM de carácter supletorio, polo que existindo unha prohibición na norma principal, a licenza outorgada é nula de pleno dereito ao contravir a regulación establecida no PXOM”.
Diante desta situación, a formación nacionalista solicitáballe ao Goberno Local “que en base as alegacións expostas, sexa ditada resolución pola que se declare a licenza concedida para proxecto básico e de execución de construción de tanatorio na rúa do Tinteiro 2, nula de pleno dereito ao non axustarse ao establecido no PXOM”.
Dito recurso, ao igual que o presentado pola Asociación veciñal da Chavasqueira, foi no seu día desestimado polo Goberno Local mais no día de onte, coñeceuse a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense no que se anula a licenza concedida polo Concello de Ourense ao entender que a mesma non procede ao estar prohibido nese ámbito urbanístico o uso que a licenza outorga.
Desde o Grupo municipal do BNG, a través do seu Portavoz Luís Seara, amosan a súa satisfacción ao entender que “a xustiza recolle todos os argumentos esgrimidos por nós no seu día, o que significa que estabamos no certo á hora de considerar ilegal a concesión de dita licenza”, e engade, “estamos a falar dunha zona especialmente sensible e onde a execución de proxectos vinculados ao termalismo teñen que ter prioridade sobre calquera outro pois estamos a falar dunha zona de desenvolvemento eminentemente termal, algo que non di o BNG senón que tal e como ben de recoñecer a xustiza, figura no propio PXOM actualmente en vigor”.