A Deputación atendeu 80 incidencias nas estradas provinciais provocadas polo paso da borrasca Kirk

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para facer fronte ás incidencias mobilizáronse de xeito simultáneo todos os equipos do Servizo de Vías e Obras: 14 brigadas de conservación e os 4 equipos de emerxencias

As comarcas onde se realizaron máis intervencións polo efecto dos ventos e da choiva foron Celanova (20), Ribeiro (15) e Baixa Limia (10)

Pese a dispersión xeográfica das estradas provinciais, a boa  coordinación dos equipos permitiu que ningunha estrada estivera mais de 30 minutos cortada ao tráfico

Ourense, 12 de outubro de 2024.

O Servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense atendeu un total de 80 incidencias nas estradas provinciais provocadas pola borrasca Kirk, traballos que aínda hoxe seguen en activo para devolver a normalidade ás vías de titularidade provincial.

Para facer fronte ás incidencias provocadas na rede provincial de estradas pola borrasca, o pasado mércores, a Deputación mobilizou de xeito simultáneo entre as 06.00 e as 15.00 horas a de todos os equipos do Servizo de Vías e Obras: 14 brigadas de conservación e os 4 equipos de emerxencias.

Grazas a este operativo atendéronse 80 chamadas do servizo de Emerxencias 112, sendo as comarcas de Celanova (20), Ribeiro (15) e Baixa Limia (10) as mais castigadas polos efectos dos fortes ventos.

A práctica totalidade das actuacións consistiron na retirada de ramas e árbores das calzadas que obstaculizaban o transito normal dos vehículos, rexistrándose tamén o derrube de noiros.

Pese a dispersión xeográfica das estradas provinciais, a boa  coordinación dos equipos permitiu que ningunha estrada estivera mais de 30 minutos cortada ao trafico.

Neste operativo, o servizo provincial de Vías e Obras empregou ata doce máquinas, entre retroexcavadoras, camións, barredoiras e vehículos de carga de gran tonelaxe.

As tarefas de restitución dos danos ocasionados, como limpeza de calzada e foxos,  elementos de drenaxe trasnversal ou retirada de ramas, continúan a executarse na actualidade.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------