A mellor música folk galega e celta mestúrase coa historia e a beleza da Torre do Castro: TOR presenta “Zira” nun concerto único en Sandiás

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A música folk galega volverá soar con forza nun escenario incomparable. O vindeiro sábado 8 de agosto, ás 21:00 horas, a contorna da Torre do Castro, no Concello de Sandiás, acollerá o concerto do grupo TOR, que presentará o seu aclamado segundo traballo discográfico, “Zira”.

📍 Onde? Ao carón da Torre do Castro (Sandiás).
📅 Cando? Sábado, 8 de agosto.
🕘 Hora: 21:00 h.
🎟️ Entrada gratuíta.

A entrada será gratuíta, unha oportunidade perfecta para gozar dunha noite inesquecible de música en directo nun espazo cargado de historia.

TOR é un dos referentes actuais do folk instrumental galego e conta cunha longa traxectoria no panorama folk e celta internacional. O cuarteto está formado por:
🎵 Félix Castro (anglo concertina, acordeón diatónico, gaita galega en si bemol e toque pechado)
🎵 Cástor Castro (frauta de madeira e bouzouqui)
🎵 Xosé Liz (bouzouqui, guitarra acústica e mandolina)
🎵 Álvaro Iglesias (contrabaixo)

O seu son combina a tradición musical galega coa esencia do folk celta, empregando instrumentos como a gaita, a frauta de madeira, o acordeón diatónico, o bouzouqui,  o contrabaixo  e a angloconcertina para crear unha atmosfera acústica, auténtica e cun marcado carácter “vintage”.

No concerto poderanse escoitar potentes muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, que se alternarán con pezas máis intimistas como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, ofrecendo unha ampla variedade de sonoridades e emocións. Composicións provinten do Arquivo Castro Vicente e de temas ibéricos portugueses, vascos e castelás.

O novo álbum, “Zira”, destaca pola súa forte carga simbólica e musical. O seu título nace da unión de dous conceptos:
🏰 A Torre, símbolo da renovación e da forza construída sobre raíces sólidas. O cuarteto de componentes do grupo aparecen inmortalizándose ao carón da Torre do Castro antes do impresionante concerto do ano 2023.
🌕 Zira, palabra de orixe tamazight (bereber) que significa “luz de lúa chea, inspirada en Cira (Silleda), lugar onde foi gravado o disco. Asi mesmo na portada do disco, aparece a Torre do Castro en Sandiás.

Este traballo reúne composicións propias e melodías tradicionais galegas recuperadas de arquivos históricos, con pezas como Mareantes, Mazurcas, Muiñeira Coitada, Pascuña ou Alalá de Lobeira. Ademais, conta coa colaboración de destacados músicos como Ruma Barbero, Carlos Quintá, Pancho Álvarez, Luis Peixoto, José Climent e Soco Rúa.

Non perdas esta oportunidade de vivir unha noite máxica na que a mellor música folk galega e celta se fundirá coa historia e coa beleza da Torre do Castro.

¡Agardámoste!

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------