A escritora e profesora carballiñesa vén de publicar a súa terceira novela, “Los malabaristas del silencio”, que xa se pode adquirir na Libraría Escolma do Carballiño.
A Laura Novelle (O Carballiño, 1978) gústalle dicir que non sabe o que é ir polo camiño fácil. Afectada de parálise cerebral, ensina e escribe como xeito de estar no mundo. Licenciouse en Historia, participou en numerosos proxectos de investigación, creou o blog Docendo Discitur que acumula miles de visitas e ensina Historia Contemporánea na Universidade de Vigo. Desde 2021 tamén escribe ficción.
«Los malabaristas del silencio» é a súa terceira novela, un thriller romántico que non se amolda ao canon do xénero. Badal Novas falou con ela para que nos conte novidades de primeira man.

Xa está en Escolma Libraría a túa terceira novela, que forma unha duoloxía coa anterior. ¿Cómo foi ese proceso, agora que están de moda as sagas?
¡Foi inesperado! Cando rematei «Todo lo que he callado» non tiña en mente facer unha continuación. Non leo sagas, porque os personaxes tenden a perder forza en cada trama. Pásame o mesmo coas series. Non vexo nada do que está de moda, vexo máis cine. Entón, co paso dos meses, fun decatándome de que Mara, a filla do protagonista, seguía aí. Quedábanlle cousas por contar, era un personaxe aínda sen rematar. Dubidei moito se facelo, pero ao final puido máis o que me fervía na cabeza. O resultado é esta historia.
¿Qué vai atopar o lector nesta obra? ¿É necesario ler a novela previa?
É un thriller cos ingredientes do xénero policíaco e os toques de romántica que caracterizan a miña obra. Os dous argumentos compleméntanse, polo que se entende mellor a evolución lendo antes a novela anterior. Hai unha década de diferencia entre unha e outra.
Mara, a protagonista deste novo título, é filla do protagonista do anterior. ¿Resultouche máis difícil ou máis doado desenvolver unha personaxe xa coñecida?
Ao ter xa os alicerces da personaxe, resulta máis sinxelo planificar a evolución. Nese sentido xa tiña o ton, o carácter, os rasgos característicos… Pero tamén hai un risco: manterse no coñecido e non innovar. Nes sentido, intentei que Mara seguise sendo Mara, pero tamén quixen sacala da súa zona de confort. As tramas baséanse no conflito, sen conflito non hai ficción.
¿Cómo abordaches ese reto?
Buscando situacións novas. Cando remata «Todo lo que he callado» Mara é unha mociña. Nesta nova novela, xa é unha muller máis vivida, con máis experiencia… Lidera dunha unidade da INTERPOL e está habituada a moverse entre homes. É moi celosa da súa intimidade, moi perfeccionista, gusta de ter o control. Todo iso vai ir desaparecendo cando unha superior lle encargue unha misión. A partir de aí vai ter que adaptarse e ao mesmo tempo, tomar decisións moi arriscadas. Disfrutei moito coa idea de levala ao límite.
As personaxes femininas teñen moita importancia en todas as túas novelas. ¿É algo deliberado?
En xeral todo é máis duro para unha muller porque a sociedade xúlganos moito máis. Temos que ser perfectas como nais, como profesionais, como esposas, como amigas, como modelos de beleza… e iso é algo imposible. Intento crear personaxes coas que calquera muller se poida identificar e facerlles vivir situacións verosímiles. Para min, non hai mellor recompensa que o lector pense «isto pasoume» ou «eu tamén tería reaccionado así» cando le o que lle acontece a unha personaxe porque crea empatía. No caso das novelas románticas aínda queda moito arquetipo de personaxe pasiva que agarda que o home tome a iniciativa; Mara é unha antítese diso. Unha policía lesbiana que non bebe, nin ten vicios estraños. Intento que a súa fortaleza proveña da súa personalidade. Creo que isto último é algo que comparten varias mulleres das miñas novelas.
Comentabas antes que es moi cinéfila. ¿Inflúe no teu xeito de escribir?
Pois ao principio non o tiña claro, pero agora que vou construíndo o meu estilo, a resposta é si. ¡De feito nesta novela hai unha cita dunha película ao inicio de cada capítulo! Pero, amais deste rasgo formal, son moi cinematográfica no xeito de construír os ambientes, os lugares, a tensión dramática… Nese sentido, o cine negro clásico é un gran aliado para o thriller.
Con esta, son xa tres as novelas que autoeditas. ¿Cómo valoras a experiencia?
A experiencia é moi satisfactoria, pero tamén dura. Tes toda a responsabilidade e chegar ao público é complexo. Hoxe en día os libros son produtos e véndense como se fosen lavadoras ou galletas. É moi raro que un libro estea un mes nun andel de novidades. Vivimos a era do scroll infinito e para captar a atención tes que investir en marketing. Máis do 80% dos títulos que se editan en España venden 50 exemplares ou menos, pero os que están decote nos medios fan máis ruído. Parecen moitos, pero realmente só un 1% ou 2% dos títulos son superventas. Desde 2022 Amazon encareceu as tarifas que impón aos libros en papel e axustar os prezos é moi difícil. Malia todo, os proxectos van saíndo e o público acompáñame, así que estou satisfeita. O balance é positivo, agardo que siga así.
Gañaches un premio en Madrid no verán deste ano por un relato curto. ¿Estás traballando en algo novo?
O premio unha sorpresa moi agradable cun relato relacionado con jazz, moi distinto ao que adoito facer. Gústanme os relatos curtos porque permiten experimentar. Gustaríame escribir algo en galego. É o meu próximo reto.
Desde Badal Novas agradecemos a Laura Novelle esta entrevista e desexámoslle moito éxito con este novo libro.