A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou na entrega de premios do concurso de postais de Nadal de Special Olympics
A conselleira destacou que esta edición do certame volveu ser un éxito tanto na participación como na calidade dos traballos

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá na entrega de premios do concurso de postais de Nadal organizado por Special Olympics. Durante a súa intervención, enxalzou o papel fundamental das entidades sociais que acompañan cada día ás persoas con discapacidade e fomentan as súas ganas de superación con actividades coma esta.
No acto, no que tamén interviñeron o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, e o director de Alcampo en Santiago, Juan Rodríguez, a conselleira agradeceu a todos os participantes o seu esforzo e felicitounos pola creatividade de cada unha das tarxetas, que sinalou “cada ano llo poñen máis difícil ao xurado”. A este certame presentáronse esta edición algo máis de 1.000 traballos de usuarios de ata unha trintena de asociacións e entidades sociais de Galicia.
Ademais, fixo fincapé na importancia de seguir impulsando iniciativas que promovan a autonomía das persoas con discapacidade e lles permitan seguir amosando as súas habilidades. Ao respecto, puxo en valor o carácter social das entidades que “o dan todo para construír unha sociedade máis igualitaria”. Neste liña, trasladou o compromiso do Executivo galego para seguir colaborando man a man “para que Galicia sexa unha terra cada vez máis amable e igualitaria”.