Cine Club Carballiño proxecta este vindeiro venres, día 7 de febreiro, no Auditorio Municipal Manuel María “La sustancia”, unha das películas máis impactantes do ano. Dirixida porCoralie Fargeat, conta a historia de Elisabeth Sparkle, unha actriz cuxos mellores anos de carreira xa pasaron. Despedida por un produtor sexista, cae na desesperación ata que unha empresa lle ofrece unha misteriosa sustancia… “Ti, pero mellor en tódolos aspectos”. Esa é a promesa dun produto revolucionario baseado na división celular, que crea un alter ego máis novo, máis belo, máis perfecto.
Unha crítica salvaxe á misoxinia institucionalizada e internalizada, que está nominada a cinco premios Oscar, entre eles os de mellor película, dirección, guión e mellor actriz principal para unha Demi Moore que xa gañou por este papel o Globo de Ouro. Conta ademais con outras cinco nominacións nos Premios BAFTA, e tamén gañou o premio ao mellor guión no Festival de Cannes. Os pases serán ás 20,00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22,30 horas en versión orixinal subtitulada.