Unha representación da Comisión Promotora presentaba esta mañá, no rexistro do Parlamento de Galiza, a Proposición de Lei de Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación permanente da multifacética obra de Castelao polo pobo galego.
A ILP, impulsada por Vía Galega e Galiza Cultura, lembra que no ano 1999 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a declaración de toda a súa obra como Ben de Interese Cultural. Denuncia que, porén, a materialización desta medida anos máis tarde, a través da aprobación do Decreto 249/2011, do 23 de decembro, “non ten suposto ningún avance real e efectivo no coñecemento da obra de Castelao, nin tampouco na permanencia da súa pegada entre as xeracións máis novas”.
Por iso agora, cando se cumpren 75 anos da morte de Castelao no exilio, cabodano polo que a Xunta de Galiza declara institucionalmente “Ano Castelao” o 2025, con toda unha seria de actos e actividades, a comisión promotora entende que “deberían ir alén do inicialmente programado e perdurar no tempo con clara vocación de permanencia, na medida en que é a única maneira de que se acabe, de unha vez por todas, co descoñecemento e coa ignorancia sobre a figura e a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que non deixan de ser a consecuencia natural de tantos anos de censura e ocultación”.
Pór en valor a obra e a figura de Castelao
Oobxecto da ILP é, pois, impulsar as actividades a desenvolver pola Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Para iso, prevé que a Xunta realice a catalogación de toda a súa obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, para o seu coñecemento a través dunha base pública de datos dixital de acceso aberto e universal.
Do mesmo xeito demándase que a Xunta defina tamén un espazo museístico, de dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realice as xestións necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que poda ser contemplada na súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, “como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza, procurando para tales efectos os convenios ou acordos oportunos de cesión con todas aquelas persoas e entidades, públicas e privadas, que posúen en propiedade obra de Castelao”.
A derradeira lección do mestre
Un apartado específico se lle outorga, na redacción da ILP, ao cadro “A derradeira lección do mestre” para o que se prevé que a Xunta emprenda as xestións oportunas para a súa adquisición e traslado desde Bos Aires a Galiza, para permanecer exposto, na debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no espazo museístico previamente definido, “polo seu valor e simbolismo”.
A ILP compromete tamén á Xunta de Galiza a divulgar o coñecemento da multifacética obra de Castelao, “por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX”. Dun xeito singular saliéntase que se impulsará no sistema educativo, de forma transversal, da obra de Castelao; que se espallará por medios escritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta; que se facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego e que se promoverá unha edición popular co máis destacado do pensamento político de Castelao, da súa obra literaria e artística.
Comisión Promotora
· Manuel Ferreiro Fernández. Catedrático da Universidade da Coruña. Máximo Investigador e especialista do noso himno e da obra de Eduardo Pondal.
· Pilar García Negro. Profesora Universidade da Coruña e Escritora
· Fernado López-Acuña López. Musicólogo e investigador da partitura do himno.
· Paulo Carril Vázquez. Secretario Xeral da CIG
· Marcos Maceira Eiras. Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
· María Antonia Pérez Rodríguez. Presidenta da Asociación Cultural o Galo. Vicepresidenta de Galiza Cultura
· Alberte Ansede Estraviz. Presidente da Fundación Manuel María
· Elia Rico Lagarón. Presidenta da Asociación Cultural Medulio de Ferrol.
· Antón Laxe Bermúdez. Coordenador de Vía Galega da Coruña
· Lucía Veciño Souto. Secretaria da Fundación Galiza Sempre.
· Xosé Manuel Carril Vázquez. Presidente de Galiza Cultura.
· Anxo Louzao Rodríguez. Portavocia de Vía Galega
· Carme Adán Villamarín. Profesora e filosofa
· Xosé Manoel Afonso Noceda. Coordenador de Vía Galega de Ourense
· Justo Beramendi González. Catedrático de Historia Contemporánea da USC e historiador
· María Xosé Bravo San Jose. Presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña
· Marica Campo Domínguez. Mestra e escritora
· Nicolasa Castro Monteiro. Profesora e sindicalista
· Marta Dacosta Alonso. Profesora e Escritora
· Marta Ferreiro Fernández. Profesora e da executiva da CIG-Ensino.
· Nuno Galán Alves. Membro de Erguer e estudante da Universidade de Vigo
· Margarita Ledo Andión. Catedrática da Universidade de Santiago . Escritora E Cineasta
· Bruno Lopes Teixeiro. Secretario da Fundación Artábria
· Susana Méndez Rodríguez. Membro da Coordenadora nacional de Vía Galega
· Xosé Manuel Pereiro Sánchez. Xornalista e escritor
· Cosme Pombo Rodríguez. Coordenador de Vía Galega de Lugo
· Elsa Quintas Alborés. Avogada
· Ana Romaní Blanco . Xornalista e escritora
· Cesareo Sánchez Iglesias. Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega
· Carlos Seráns Olveira. Presidente da Asociación Galega de Compositores
· Margarita Viso. Pianista e estudosa da música galega.