Contos, concursos e moita música para homenaxear ás cantareiras e á poesía popular oral polo Día das Letras Galegas con Afundación

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

I Pódese gozar das actividades, dirixidas a todas as idades, na web de Afundación

I Con esta proposta, Afundación conxuga a súa vocación de entidade de carácter cultura e formativo, dous dos eixes esenciais que a caracterizan

15.05.2025. Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a súa programación especial de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas, este ano adicado á poesía oral popular personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, Malpica. Unha homenaxe ás mulleres que cos seus cantos foron figuras esenciais na creación, preservación e transmisión da cultura. Un recoñecemento emocionante a aquelas que, aínda que obrigadas a facelo a maioría das veces de xeito anónimo e na esfera privada, compuxeron e transmitiron música, lingua e sabedoría.

Afundación propón un proxecto lúdico e didáctico para esta celebración. A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar aprendizaxe a través do xogo e da música, permitindo que todas e todos, desde nos máis pequenos ata os maiores, descubran e gocen da cultura galega dunha forma emocionante e entretida.

Así, o día 6 de xuño terá lugar na Sede Afundación de Santiago de Compostela o concerto didáctico O son das Cantareiras a cargo de Jara Ortiz, cantareira con ampla traxectoria na divulgación desta tradición entre o público escolar. Durante o recital falarase do papel das cantareiras como gardiás da nosa poesía oral; os contextos e funcións do canto tradicional feminino; a técnica e partes da pandeireta; a orixe dos ritmos e cantos tradicionais; as letras das cantigas, verdadeiro tesouro do noso patrimonio. Os asistentes deberán levar a súa pandeireta, xa que o concerto rematará cunha foliada na que participantes e cantareiras compartirán voz e música. Haberá dúas sesións, unha ás 10.00 h para alumnado de Educación Primaria e outra á 12.00 h para alumnado de Educación Secundaria. É unha proposta de balde, mais é preciso reservar praza en areaeducativacompostela@afundacion.org ou no 981 552 577.

Ademais, desde a Área Educativa de Afundación deseñáronse diferentes formatos mediante os que achegarse á figura das cantareiras de xeito online. O primeiro deles é un conto interactivo para público infantil e primeiros cursos de primaria. O segundo formato é unha roda de letras para dous públicos diferentes, un para escolares de Educación Primaria e Secundaria, con distintos niveis de dificultade, e outro para público adulto. Podes acceder a través desta ligazón.

E para rematar, deseñouse un plan de comunicación e divulgación sobre as Letras Galegas deste ano nas redes sociais de Afundación que inclúe un sorteo para gañar entradas gratuítas a algúns dos concertos que terán lugar nas vindeiras datas de Milladoiro, Treixadura e Arpas Atlánticas.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, conxuga con esta actividade a súa vocación de entidade de carácter cultural e formativo, dous dos eixes esenciais que a caracterizan.