Expourense celebra do 22 ao 24 de maio unha edición especial de Sportur Galicia centrada en Xogos Deportivos Inclusivos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Expourense converterase esta semana nunha gran cancha polideportiva que acollerá exhibicións, torneos e campionatos dunha vintena de disciplinas deportivas. Sportur Galicia, o VIII Salón do Deporte e Turismo Activo, celebrará entre o 22 e o 24 de maio unha edición especial centrada en Xogos Deportivos que buscan a inclusión e promoven o “deporte para todos”. Durante 3 días federacións, clubes e asociacións deportivos compartirán espazo en Expourense con distintas asociacións de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a distintos colectivos sociais.

Esta edición especial de Sportur Galicia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galici a e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o vicepresidente segundo da Deputación provincial de Ourense, César Fernández; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Estiveron acompañados por repsentantes dalgunhas das federacións e clubes deportivos participantes no evento.

COMERCIAL ORCELLÓN

Sportur Galicia divídese así en dúas partes e celebra no mes de maio a área deportiva e práctica, deixando para o mes de decembro a súa compoñente máis profesional a través do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte e da área expositiva vencellada co Turismo. Congreso e exposición están previstas para o 11 e 12 de decembro de 2025.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias). O obxectivo é convertirse nun escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes. Desputaranse ademais varias “Copa Deputación”.

As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades que poden consultarse en www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: Atletismo; Bádminton; Balonmán; Ciclismo; Esgrima Clásica; Fitness; Fútbol; Hockey; Karate; Pickleball; Piragüismo; Remo Indoor; Roller cross; Taekwondo; Tai-chi; Tenis; Voleibol; Wushu; Xadrez e Ximnasia.

Ademais da participación de escolares de Primaria e Secundaria de distintos centros escolares da provincia de Ourense, está confirmada a participación de membros de distintas entidades con diversidade funcional ou que representan a colectivos específicos. Participarán nesta primeira edición de Xogos Deportivos: Asociación Dano Cerebral Ourense; Asociación Discapacidade Ourense; Asociación Club Recreativo As Burgas; Asociación de Esclerose Múltiple de Ourense; Fundación San Rosendo (Los Milagros); Asociación Trascos. Autismo Galicia; Down Ourense; Asociación Trama; Fundación Intercultural Gitana e Centro de Menores Monteledo.

Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os tres días: de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------