Castelao dará nome á rúa de Ribadavia que agora é ‘Muñoz Calero’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O goberno municipal de Ribadavia vén de proponer ao Pleno da Corporación o cambio de nome da actual rúa Muñoz Calero, unha das principais vías do municipio, que pasará a chamarse Rúa Castelao. A medida responde a unha dobre vontade: dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática e, ao tempo, recoñecer publicamente a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, escritor, debuxante, político e símbolo de toda Galicia, no marco do ‘Ano Castelao’ tal e como foi declarado pola Xunta este 2025. O autor de Sempre en Galiza ficará así, e tamén para sempre, en Ribadavia.

A actual rúa Muñoz Calero —que conta cun total de 97 edificios numerados— leva o nome de devandito médico e político estreitamente vinculado á ditadura franquista. Foi presidente da Organización Médica Colexial de España, procurador nas Cortes franquistas e outros cargos políticos relacionados coa sanidade durante o réxime. A súa inclusión no rueiro de Ribadavia formaba parte dun legado simbólico do franquismo que agora se elimina definitivamente.

Con esta decisión, que deberá ser aprobada no próximo Pleno municipal, Ribadavia completa a revisión do seu rueiro, cumprindo coa Lei de Memoria Democrática, eliminando calquera reminiscencia vencellada ao franquismo.

Ao mesmo tempo, a elección de Castelao para renomear esta vía céntrica supón un acto de xustiza histórica e de orgullo colectivo. Castelao é unha das figuras máis representativas da cultura e da identidade galega, admirado e querido por xeracións de galegos e galegas. O seu legado intelectual, artístico e político continúa a inspirar o país, e a súa presenza no rueiro de Ribadavia reafirma o compromiso da vila coa memoria, a cultura e a democracia.

O cambio, que de momento xa pasou onte pola comisión correspondente,  deberá ser agora aprobado en pleno e farase efectivo unha vez completado o procedemento administrativo e técnico correspondente.