“O Frei Canedo de Verán volverá ser un evento gratuíto e aberto a tódolos públicos, con actividades enfocadas aos cativos e cativas, pero tamén con numerosos actos pensados para á mocidade e os maiores”, sinalan dende a Asociación, á vez que agradecen a colaboración da veciñanza, de negocios e do Concello de Ourense para que esta celebración saia adiante un ano máis
Xogos e inchables para os cativos, pasarrúas sesión vermú, xantar popular, festa da escuma, concurso de touro mecánico, concurso de disfraces, e a festa dj serán algunhas das actividades pensadas para esta celebración o sábado 14 de xuño no campo da feira
Ponte Canedo, 4 de xuño de 2025. A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte organiza por segundo ano consecutivo o Frei Canedo de Verán, que terá lugar o sábado 14 de xuño no campo da feira. Tras o éxito da primeira edición, no que máis de 2.000 persoas desfrutaron dun día de troula, bo ambiente e confraternización, a asociación impulsa un ano máis un evento que busca consolidarse coma un dos referentes en canto a ocio no barrio da Ponte e na cidade de Ourense en pleno mes de xuño.
Dende Frei Canedo sinalan que o Frei Canedo de Verán “volverá ser un evento totalmente gratuíto e aberto a tódolos públicos, con actividades enfocadas aos cativos e cativas, pero tamén con numerosos actos pensados para á mocidade e os maiores”. Tras varios meses de intenso traballo, coidando con detalle a organización das actividades e corrixindo pequenas eivas detectadas durante a primeira edición, o Frei Canedo de Verán xa ten o seu programa completo de actividades.
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte anima aos pontinos, pontinas, ourensáns e ourensás a sumarse ao Frei Canedo de Verán e a acudir disfrazados ao mesmo para encher de cor e festa o campo da feira. “Agardamos, que ao igual que a primeira edición, a segunda sexa un éxito total e que o barrio da Ponte se converta nun referente de ocio en época estival”, afirman dende a asociación.
Unha das grandes novidades desta edición e a celebración dun pasarrúas o venres 13 de xuño, no que o cofrade máis famoso da provincia, Frei Canedo, percorrerá as rúas do barrio en comitiva, coa presenza de Cantares da Cunha, que se encargarán de por son durante o percorrido polo barrio da Ponte.
Xa para o 14 de xuño, día de Frei Canedo de Verán, os actos comezarán ás 11 da mañá cun pasarrúas que sairá dende a estación de tren e fará un percorrido polas rúas do barrio ata o campo da feira, para animar á veciñanza a sumarse ás celebracións. A partir das 12 do mediodía, o campo da feira será o epicentro da festa que comezará coa sesión vermú, amenizada por Verbena Disco e na que ademais contaremos cun pulpeiro para que os asistentes poidan degustar unhas racións de polbo a feira. Coma o ano pasado estará habilitado un servizo de bar durante todo o día e ata o fin das celebracións do Frei Canedo de Verán.
Ás 14:30 horas terá lugar o xantar popular, cuxos tickets están xa a venda no local da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte, na cafetería Don Gaetano e na barbería Sers Barber. O prezo serán 25 euros e incluirá como menú: empanadas variadas, lacón asado, carne asada con guarnición de patacas e verduriñas, postre, auga, viño, café e chupito. Ademais habilítase tamén un menú infantil ata os 12 anos por 12 euros e no que irán incluído entrantes e peitugas con patacas, ademais de auga e refrescos.
Un ano máis, os cativos e cativas disporán de numerosas actividades para desfrutar todo o día. De 12 do mediodía a 14 horas e de 16 a 19 estarán habilitados varios inchables, xogos populares e talleres de globoflexia e maquillaxe artística, ca supervisión de varios monitores titulados. Ademais ás 17:30 horas celebrase a festa da escuma. Cabe destacar que todas estas actividades son totalmente gratuítas.
Para ás 18:00 horas os maiores de 16 anos terán unha cita co concurso de touro mecánico. Haberá premio para aquelas dúas persoas que consigan aguantar máis tempo a lombos do mesmo, recibindo pola súa fazaña unha camiseta e unha gorra oficial de Frei Canedo. Un ano máis, tamén haberá concurso de disfraces, nas modalidades individual e grupal, que terá lugar a partir das 20:00 horas. O premio para o mellor disfrace individual serán 50 euros, namentres que na modalidade grupal darase un premio de 100 euros para aquelas persoas que acudan disfrazadas iguais e cun mínimo de 3 integrantes.
A partir das 21:00 horas comezará o gran baile de disfraces e a festa DJ a cargo de Verbena Disco e de King Dawit, que porán música e son ao fin de festa, que se prolongará ata a madrugada do domingo. Cabe destacar que pola tarde e comezo da noite, haberá dispoñibles hamburguesas, bocadillos e hot dogs para que aqueles que o desexen poidan merendar ou cear algo sen ter que marchar do campo da feira.
Dende Frei Canedo da Ponte agradecen a colaboración de máis de 60 negocios do barrio e doutros puntos da cidade, así como a predisposición da veciñanza a participar no evento. Tamén estenden os agradecementos ao Concello de Ourense, polas facilidades postas para a celebración do Frei Canedo de Verán e a cesión das instalacións do campo da feira.