A segunda xornada de folga no comercio de alimentación ourensán paraliza a actividade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os principais supermercados permanecen pechados e centos de piquetes percorren as rúas. Mañá sábado, novo día de paro e manifestación

Ourense, 6 de xuño de 2025.

A segunda xornada de folga convocada no comercio de alimentación da provincia de Ourense para reclamar unhas condicións de traballo dignas mantén practicamente paralizada a actividade nos supermercados das marcas Gadis, Froiz e Cuevas, os tres principais grupos empresariais do sector afectados polo convenio colectivo. Para mañá sábado hai convocado un novo paro e unha manifestación que arrincará dende a Casa Sindical ás 12:00 e rematará diante do Concello, na Praza Maior.

A xornada comezou a primeira hora da mañá coa celebración dunha concorrida asemblea para organizar os piquetes informativos, que durante todo o día percorreron tanto a cidade como outras localidades como Xinzo, Verín e O Barco, nas que o seguimento da folga foi tamén maioritario.

Na cidade de Ourense unicamente o Gadis do Couto permaneceu aberta, aínda que sen case actividade nin clientes, xa que unicamente tres ou catro persoas traballadoras eventuais se dedicaban a tarefas de limpeza no seu interior.

A totalidade dos establecementos de Xinzo e Verín ficaron pechados, mentres que no Barco algunhas persoas traballadoras recentemente contratadas e os propios encargados dalgún establecemento tiveron que atender a carnicería ao non contar con persoal suficiente.

Para mañá hai convocada unha terceira xornada de folga no sector, tras a de hoxe e a que tivo lugar o pasado 16 de maio. Ademais, unha manifestación percorrerá as rúas de Ourense ás 12:00 horas dende a Casa Sindical até a sede do consistorio, na Praza Maior.

Os paros de 24 horas seguiron adiante por decisión das asembleas de persoas traballadoras celebradas onte para analizar a última oferta da patronal, á que se chegou tras dúas xornadas maratonianas de negociación coa mediación do Consello Galego de relacións laborais.

Unha oferta do empresariado que para a parte social é unha “falta de respecto” ao persoal do sector, xa que unicamente contempla a maiores unha suba salarial de 100 euros ao ano para o grupo IV.

Pola súa banda, os sindicatos propuxeron dúas alternativas. Un convenio de catro anos con promoción automática do grupo IV ao III aos seis meses; ou un convenio de tres anos con promoción automática do grupo IV al III aos 12 meses.

As táboas salariais do grupo IV serían de 17.750 euros para 2025, 18.637,50 para 2026, 19.196,63 para 2027 e 19.772,52 para 2028. E do grupo III, 18.100 para 2025, 19.500 para 2026, 20.200 para 2027 e 21.000 para 2028.

“A resposta do empresariado foi solicitar media hora de receso para posteriormente rexeitar todo”, denuncian dende a parte social. Polo que decidiron celebrar as asembleas para informar o persoal, que optou por facer efectiva a folga.