A Residencia de Tempo Libre e o Auditorio Manuel María do Carballiño son nesta fin de semana sedes do festival transfronteirizo de teatro ‘Platta 2025’, coa organización de obradoiros, lecturas dramatizadas e representacións escénicas. A programación abrirase ás 19,00 horas de hoxe coa recepción de participantes na Residencia, que, unha hora máis tarde, ás 20,00, acompañarán ás autoridades e a representantes da organización, a Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea), á presentación deste evento no Auditorio.
Neste centro cultural terá lugar, dende as 20,30 horas, a primeira posta en escea, que corresponde ao grupo galego O Trasno Teatro presentando “Vivir con Huntington”. No mesmo Auditorio e á mesma hora, mañá, sábado, será a quenda da compañía Catarsis Teatro, de Castela-León, e a súa montaxe “Pasaremos sin nombre a la historia”.
Tamén mañá, 14 de xuño, comezarán ás 10,30 horas na Residencia de Tempo Libre as lecturas dramatizadas nas tres linguas (galego, castelán e portugués), e, a partir das 10,00, o obradoiro de clown que impartirá Fran Rei e que terá continuidade o domingo co mesmo horario.
Xa o domingo, día 15, ás 12,00 horas, levarase a cabo no Auditorio a escenificación das lecturas dramatizadas e a entrega de diplomas do obradoiro. O festival rematará ás 18,00 horas coa representación de “Os mendigos”, a cargo do grupo Teatro Duplaface (Portugal).