A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inicia mañá, luns 16 de xuño, os traballos de estendido da nova capa de rodaxe da autovía Dozón-Ourense (AG-53) no treito comprendido entre o enlace de Ariz (San Cristovo de Cea) e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas (A-52), que farán necesarios cortes de calzada intermitentes e puntuais.
Tratase de darlle continuidade ás obras de renovación extraordinaria do pavimento desta vía libre de peaxe, que comezaron o pasado ano e se retoman agora para executar os traballos de estendido da capa da rodaxe nas mellores condicións meteorolóxicas. Estas obras, na que a Xunta inviste máis de 5 millóns de euros, entran agora nunha nova fase, tras terse rematadas as últimas reparacións localizadas do firme.
Os traballos levaranse a cabo na calzada dereita e a previsión é executar o novo firme entre o punto quilométrico 74,2, inicio do tramo, e o punto quilométrico 79, á altura do enlace coa AG-54 (que enlaza A Touza coa Fontela, no municipio de Maside). A primeira fase dos traballos centraranse en actuar entre o punto quilométrico 73,8 e o 77,5, e a segunda entre o quilómetro 75,6 e o 79,2.
En concreto, entre o luns 16 e o martes 17 está previsto realizar a implantación da maquinaria na obra e traballos de microfresado en varias zonas, para comezar coa realización dos traballos de estendido a partir do mércores, día 18.
Os traballos realízanse a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais no pavimento, polo que a súa execución require o corte da calzada afectada, sendo o tráfico desviado ao carril interior da outra calzada a través dos pasos de mediana existentes, en tramos que abarcarán, en xeral, uns catro quilómetros de lonxitude.
Esta nova fase das obras de renovación do pavimento da AG-53 ten un prazo estimado de execución de entre dúas e tres semanas, e as afeccións ao tráfico serán debidamente indicadas a través dos paneis de sinalización variable.