Menor explicou en rolda de prensa os detalles da Xunta de Goberno desta semana, onde a institución provincial aprobou 40 asuntos “que abarcan prácticamente todos os eidos da provincia, onde este goberno provincial está comprometido”
A Deputación destina esta semana 483.630,07 euros á cooperación con concellos e mancomunidades, así como 921.000 euros a colaborar con entidades sociais, culturais, sectoriais e empresariais de toda a provincia
Ourense, 23 de xuño de 2025.
A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 1.404.630,07 euros a través da aprobación de 40 asuntos centrados tanto na cooperación municipal con concellos e mancomunidades (483.630,07 euros), como en colaboración con diferentes entidades (921.000 euros).
O presidente provincial, Luis Menor, debullou en rolda de prensa os detalles deste órgano executivo da Deputación, destacando que foron abarcados “prácticamente todos os eidos da provincia onde este goberno provincial está comprometido”, e vinculou que esta capacidade de mobilización é “grazas á plena normalidade no funcionamento desta administración”.
No que atinxe aos concellos e entidades supramunicipais como son as mancomunidades, Menor avanzou que o Concello de Amoeiro recibe 95.000 euros para a humanización da Praza da Concordia; A Gudiña obterá 40.000 euros para gastos de funcionamento do GES; Bande percibirá 4.000 euros para gastos de mantemento do campo de fútbol e 2.630,07 euros para honorarios da redacción do proxecto camiño rural 2025-2026; o Concello de Melón recibirá 48.000 euros para renovar o alumeado público.; e Xunqueira de Espadanedo obterá 90.000 euros para a compra dun local para equipamento cultural.
Ademáis, as Mancomunidades de Conso Frieiras, de Terra de Celanova e do Carballiño obterán 50.000 euros cada unha para axudar nos seus gastos de funcionamento. A de Terra de Celanova tamén obterá 40.000 euros para gastos de funcionamento do GES, e a de Conso Frieiras tamén recibirá 8.000 euros para cofinanciar a adquisición dunha retroexcavadora mixta. No que atinxe ás axudas específicas para os GES, Menor lembrou que a Deputación de Ourense “é a única deputación de Galicia que fai este apio tan expreso a estes Grupos de Emerxencia Supramunicipais”.
Diferentes entidades
No tocante ás axudas a diferentes entidades, Menor cuantificou en 921.000 euros as axudas á cooperación semanal da Deputación, das que se distribúen en 296.000 euros para o ámbito cultural; 155.000 euros para entidades sociais; 185.000 euros para organismos empresariais ou sectoriais; 184.000 euros en materia deportiva e 61.000 euros de outras axudas.
Ámbito cultural
No ámbito cultural, Menor destacou a axuda de 225.000 euros para a Asociación Cultural Luarada, que coorganizará o Festival de Cine OUFF 2025 xunto coa Deputación. “Lémbrolles que celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 e cunha directiva renovada neste ano tan especial, pois alcanza a 30 edición”, recalcou Menor, poñendo en valor a importancia deste evento cultural para toda a provincia. Outras entidades culturais que perciben axuda esta semana son a Fundación Carlos Casares (26.000 euros); a Fundación Carlos Velo (20.000 euros) e a Real Academia Galega (25.000 euros).
Eido sectorial
No eido social, Menor quixo destacar a subvención concedida a Cruz Vermella, por importe de 75.000 euros, para a adquisición de dúas ambulancias. ” A Cruz Vermella de Ourense naceu na Deputación e segue a existir unha relación intensa onde procuramos atender as súas necesidades”. Tamén valorou o presidente a achega provincial a favor da fundación Asilo Nosa Señora dos Anxos, por importe de 80.000 euros, para os seus gastos de funcionamento en Ribadavia.
Nivel sectorial
A nivel sectorial, o presidente da Deputación recalcou a “aposta decidida pola viticultura e as denominacións de orixe”, exemplificadas nas axudas concedidas por 45.000 euros ao Consello Regulador do Ribeiro para finalizar o rexistro vitinícola 2025; para xestionar a certificación do produto e para unha campaña de información e concienciación sobre a flavescencia dourada. Outro Consello Regulador, pero esta vez da Ribeira Sacra, obterá 15.000 euros para un programa de dixitalización.
Tamén fixo referencia aos 50.000 euros adicados ao Círculo de Empresarios de Galicia ou os 30.000 euros para axudar á Federación de Comercio cos seus gastos de funcionamento. A Asociación de Gandeiros do Macizo Central (Agromacen) tamén obterá 30.000 euros, do mesmo xeito que o Centro Comercial Aberto de O Barco de Valdeorras percibirá 15.000 euros.
Materia deportiva
Tampouco esqueceu as axudas en materia deportiva, onde quedou ratificada a colaboración que estableceu a Deputación coa Federación Española de Baloncesto (121.000 euros) para cooperar co partido que disputou aquí a Selección Española a finais de novembro do ano pasado. “unha axuda a un evento de gran importancia como reclamo que é perfectamente compatible coa nosa aposta decidida polo deporte base”.
De feito, lembrou que a Deputación tamén coopera esta semana coa Federación Galega de Atletismo con 20.000 euros un meeting internacional e campionato de España sub 16; coa Escudería Barbadás Clube Deportivo para o Rally Mix Barbadás con 6.000 euros; co Campionato de España Trail Chandrexa de Queixa (12.000 euros), do mesmo xeito que coa Federación Galega de Tenis (25.000 euros) para un torneo internacional de tenis na provincia.
Por último, outras axudas foron para o Colexio de Economistas de Ourense (6.000 euros); Asociación Cultural Rebulir (10.000 euros); Asociación de Cabalistas “O Mundil” (15.000 euros); Escola de Música de Trasmiras (17.000 euros); Asociación de Viúvas María Andrea (10.000 euros); e Asociación de Amigos San Benito de Allariz (3.000 euros).