O Psdeg-Psoe volve a insistirlle a Núñez Feijóo na necesidade “urxente” de dotar de servizo de pediatría ao novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar

As socialistas xa presentaron varias iniciativas neste senso e esixen “uns servizos sanitarios dignos para as crianzas do municipio” ademais de solicitar a implantación de fisioterapia e odontoloxía

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que o PP municipal votou en contra da urxencia nunha iniciativa socialista neste senso “amosando a súa falla de miras”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense a través das súas representantes e do seu representante no Parlamento de Galicia volverán a insistirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que dote de forma “urxente e inmediata” do servizo de pediatría ao novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar, aberto o pasado 7 de decembro, despois de numerosos atrasos que os socialistas xa denunciaron no seu momento.

Os socialistas levan dende 2008 reclamando a construción deste novo centro de saúde con dotación de medios materiais e humanos suficientes para as necesidades de poboación, con especialidades como pediatría, fisioterapia e atención primaria, ademais do persoal necesario, dado que o existente se atopaba nunha situación precaria por falta de espazo, ocupando naquel momento parte do edificio do Concello.

O novo edificio conta cunha superficie de 682 metros, aumentando un 54 % o espazo do vello centro de saúde, así mesmo, no interior a nova infraestrutura ten tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha sala polivalente, unha consulta de muller, outras, e un área pediátrica específica (90 m2) formada por enfermería pediátrica, pediatría, aseos e sala de espera. Os socialistas consideran que dado que se construíu esta sala pediátrica “o idóneo sería darlle uso cunha consulta de pediatría”. Ademais, destacan as queixas dos veciños da zona polos ruídos producidos pola instalación da climatización do edificio, e estar a construír o aparcamento despois da posta en marcha do centro se saúde.

A parlamentaria socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, destaca a “importancia” de dotar de servizo de pediatría a este centro de saúde que conta cunhas 3.500 tarxetas sanitarias, das cales 276 pertencen a menores de 14 anos en idade pediátrica. Destaca tamén que nos últimos anos “Pereiro incrementou de forma notoria as familias con fillos ao cargo, polo que é imprescindible dotar a estas familias duns servizos sanitarios dignos para as súas crianzas”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense critican ademais que no futuro “se pretenda optar por un servizo de pediatría compartido con outros concellos” o que provocará que en Pereiro de Aguiar non haxa un pediatra diario para atender as demandas sanitarias dos máis cativos do municipio. Os socialistas tamén lle esixen o Servizo Galego de Saúde que se comprometa a implantación dos servizos de fisioterapia e odontoloxía.

Os socialistas tamén critican a postura do grupo municipal do Partido Popular, que no pleno municipal desta semana votou en contra da urxencia nunha proposta socialista na que esixían a implantación urxente do servizo de pediatría. “Esta postura amosa a falla de miras políticas do PP nun municipio no que se está incrementando a poboación e as familias con fillos”, critica Rodríguez Dacosta, a vez que apunta que “o que van a conseguir e que as familias con fillos opten por desprazarse a outros municipios nos que teñan uns servizos pediátricos dignos, impedindo que se fixe nova poboación, ante a falta de recursos para dar servizo as crianzas”.