A Concellería de Deportes do Carballiño impulsa unha nova edición do ‘Verán Deportivo’, que busca fomentar os hábitos de vida saudables entre a veciñanza, cun programa que dará comezo esta mesma semana cun amplo programa de actividades gratuítas para tódalas idades e que non rematará ata o 14 de setembro.
O concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e a monitora Rebeca Amil, fixeron a presentación da programación na Pista Vermella da Praza do Emigrante, que será sede das competicións no vindeiro mes de xullo, con baloncesto, do día 7 ao 11 de xullo; fútbol, do 14 ao 19, e balonmán, do 21 ao 25.
Outro escenario será a explanada de céspede do Gran Balneario, ao carón do río Arenteiro, con sesións de pilates, tódolos luns a partir das 20,30 horas, e de ioga, martes e xoves, tamén dende as 20,30 horas. Finalmente, están previstas sesións de ‘aquagim’ nas piscinas municipais tódolos venres dende as 12,00 horas.
José Castro-Gil fixo unha valoración positiva das actividades programadas dende o pasado mes de setembro, salientando que unha media entre 20 a 50 persoas viñeron participando nas sesions semanais de ioga e pilates e tamén nas andainas que se levaron a cabo por sendeiros da contorna da vila do Arenteiro. Asemade, fixou en preto de 500 xogadores e xogadoras as que tomaron parte na pasada edición do ‘Verán Deportivo’, celebrada o pasado ano.