Os ‘XIV Premios da D.O. Ribeiro’ recoñecen a labor de Expourense na internacionalización dos viños de calidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Máis de 250 persoas déronse cita onte no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, para gozar dunha divertida gala conducida polo dúo cómico Sobria y Serena, formado por Arantxa Treus e Jazmin Abuin, e arroupar aos galardoados cos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro na súa 14ª edición. Uns galardóns cos que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro quere recoñecer “o esforzo, a paixón e o compromiso cos nosos viños”, tal e como lembrou a presidenta, Concha Iglesias, quen aproveitou a súa intervención para repasar o acontecido no último ano.

Entre os galardoados neste edición, destacou o ‘Premio Ribeiro en Nós’ para a Fundación Expourense, adicada á promoción de actividades industriais e accións sociais e educativas, e que celebra unha media de 10 feiras ao ano que viran ao redor das potencialidades da provincia, mostrando sempre o seu interese pola gastronomía e a viticultura. O premio, que foi recollido polo seu director xerente, Rogelio Martínez, recoñece a “boa disposición” de Expourense “para a celebración de salóns e feiras, como Vinis Terrae ou Xantar, nas que expoñer os viños galegos de calidade, foi de gran importancia para facilitar a internacionalización das adegas, propoñendo encontros entre expositores e compradores así como a conquista de novos mercados”.

COMERCIAL ORCELLÓN

Rogelio Martínez expresou “o noso máis sinceiro agradecemento á Denominación de Orixe Ribeiro pola concesión deste premio”. “Para nós é unha gran honra recibir este recoñecemento, que sentimos como un respaldo ao traballo constante que vimos desenvolvendo en apoio á promoción dos produtos de calidade do noso territorio, e, moi especialmente, dos viños galegos”.

Na cerimonia tamén recibiron premios os responsables dos tres locais de hostalería distinguidos este ano, Portovello, como Mellor Taberna – Bar de Viños; Xadigal, como Mellor Vinoteca – Tenda Especializada, e Amaragotas, co Premio Mellor Servizo de Viño en Restaurante, aos que lle seguiu a revista dixital especializada en viños Vinetur, “pola súa mirada rigorosa e profesional”, que recibiu o premio Mellor Tarefa de Comunicación.

Na gala tamén se rendeu homenaxe á viticultora e colleiteira Elisa Collarte, Premio ‘Vida entre Vides’, “polo seu labor de toda a vida e polo legado que deixa na súa adega”, e a Maribé Revilla, Premio ‘Muller e Viño’, “pioneira no sector da distribución, pola súa valentía e a súa fe nos viños de Galicia e no Ribeiro”. Especialmente destacado foi o Premio de Honra á Academia Galega do Audiovisual, que recolleu no seu nome Javi Lopa, produtor cinematográfico e membro da xunta directiva, quen agradeceu este premio recibido con “orgullo, responsabilidade e emoción”.

Pero sen dúbida, entre os momentos máis emocionantes vividos na gala e que espertaron máis aplausos figura a entrega dos premios aos viños gañadores da cata oficial, e que este ano foron para para ‘Colección 68 2024’ de Viña Costeira, S.C.G., na categoría de Mellor Viño Branco Adegas; ‘Catro Ferrados 2024’ de José Varela Aguado, na de Mellor Viño Branco de Colleiteiros; ‘Cunqueiro Mencía 2023’ de Bodegas Cunqueiro S.L., na de Mellor Viño Tinto Adegas, e ‘Outeiro da Barra As Regadas 2024’ de Fernando Cibeira Estévez como Mellor Viño Tinto de Colleiteiros.

A cerimonia, que finalizou co tradicional brinde polo Ribeiro e un cóctel, contou coa presenza de numerosos invitados, entre os que non faltaron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o presidente da Deputación de Ourense Luis Menor, e varios alcaldes. A conselleira de Medio Rural incidiu no compromiso da Xunta co sector do viño lembrando que só neste ano o seu departamento destina “máis de 10 millóns de euros en axudas á reestruturación e reconversión dos viñedos, a impulsar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e á promoción do viño galego en mercados internacionais”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------