Os castros de San Cibrán de Lás e Cameixa serán protagonistas na segunda xornada do XII congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas

IES CHAMOSO LAMAS

A proxección do vídeo recreación do xacemento castrexo de San Cibrán de Lás, “Lanóbriga. Unha cidade galaica”, así como as ponencias dos creadores deste proxecto audiovisual, Paco Boluda, Carlos Paz e Anxo Miján, do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG), centrará unha boa parte da atención na tarde do sábado, 8 de outubro, durante a celebración do XII Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas.

“Aplicacións das novas tecnoloxías na divulgación histórica e patrimonial no século XXI”, de Carlos Paz e Anxo Miján, autores do video recreación en 3D do castro de San Cibrán de Lás, e “Devolver o pasado a quen o habitou”, de Paco Boluda, director do proxecto, son os títulos das ponencias que ocuparán unha boa parte do espazo da tarde da segunda xornada deste encontro de investigadores que promove o Centro de Estudios Chamoso Lamas e que nesta duodécima edición pon o énfase na “Valorización e xestión do Patrimonio Cultural e Medioambiental”.

OZOCOgz Deseño Galego

Previamente a estas ponencias, o arqueólogo Jorge Lamas disertará sobre o “Castro de Cameixa: pasado, presente e futuro”, un xacemento no que leva dirixido recentemente diversas excavacións con achádegos moi interesantes, e que complementará unha xornada de tarde adicada á cultura castrexa na comarca do Carballiño. 

De aí que unha imaxe aérea deste castro figure no cartel do congreso, como unha chamada de atención á importancia dos vestixios arqueolóxicos nas terras da bisbarra carballiñesa.

A matrícula para asistir ao congreso, que é totalmente gratuita, segue aberta e pódese realizar na páxina web do Centro de Estudios Chamoso Lamas, cubrindo o boletín do “Formulario” que figura no apartado “Congreso”.