O Concello do Carballiño abriu hoxe o prazo de presentación de solicitudes para as axudas destinadas á adquisición de libros de texto e material escolar para o vindeiro curso académico 2025/2026. Esta iniciativa, enmarcada no compromiso do goberno local coa igualdade de oportunidades e o apoio ás familias con menos recursos, conta cunha dotación económica de 40.000 euros procedentes do orzamento municipal.
As axudas están dirixidas a aquelas familias con menor poder adquisitivo que teñan fillos ou fillas cursando Educación Infantil, Primaria ou Secundaria en centros públicos ou concertados do termo municipal. As contías máximas previstas son de 120 euros por menor no caso de Educación Infantil, e de 60 euros para o alumnado de Primaria e Secundaria. Estas achegas serán compatibles con outras axudas de natureza semellante, sempre que a suma total non supere o custo real do material adquirido.
Poderán beneficiarse destas axudas as unidades familiares nas que todos os membros estean empadroados no Concello do Carballiño cunha antigüidade mínima de seis meses e cuxa renda per cápita anual non supere os 9.000 euros. Para o cálculo da renda teranse en conta as bases impoñibles xeral e do aforro da declaración da renda do exercicio 2024, ou, no caso de non estaren obrigados a presentala, os ingresos declarados e os datos facilitados pola Axencia Tributaria. Tamén se valorarán circunstancias familiares como situacións de separación ou divorcio, custodia compartida, familias monoparentais ou casos de violencia de xénero, nos que non se terán en conta os ingresos do agresor.
O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles tras a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Municipal do Concello ou a través de calquera dos medios habilitados pola Lei de procedemento administrativo común. O modelo normalizado estará dispoñible nas oficinas municipais e na sede electrónica do Concello.
Con esta medida, o Concello do Carballiño busca aliviar o esforzo económico que supón cada inicio de curso escolar para moitas familias e garantir que todos os nenos e nenas teñan acceso aos recursos necesarios para o seu desenvolvemento educativo. Dende o Concello destacan o compromiso do executivo local cunha educación accesible e de calidade, destacando que “ningún neno ou nena do Carballiño debe quedar atrás por motivos económicos”.