A Xunta desminte categoricamente as acusacións de privatización lanzadas polo Bng

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta lamenta a utilización partidista e demagóxica que o BNG fai da sanidade pública e desminte categoricamente as acusacións de privatización lanzadas de forma irresponsable polos seus representantes.

Desde o Servizo Galego de Saúde realizouse no mes de xuño a tramitación necesaria para aboar servizos sanitarios prestados con medios alleos entre os meses de xaneiro e abril deste ano, con carácter previo á entrada en vigor do acordo marco que está agora mesmo vixente. Trátase dunha operación orzamentaria que, como non podía ser doutro xeito, se realizou cos informes favorables dos órganos de control, conforme á normativa e no marco dos supostos previstos legalmente.

Precisamente, para dar cumprimento á normativa, a Xunta informou con total transparencia da operación orzamentaria ao Parlamento de Galicia e aos grupos parlamentarios. Lamentablemente, o BNG traslada agora unha información incerta sobre o sentido desa operación orzamentaria.

Eses servizos aboados atópanse, na actualidade, recollidos no acordo marco que foi licitado e publicado no perfil do contratante, a efectos de garantir a máxima transparencia.

A contratación dos servizos sanitarios con medios alleos ten carácter exclusivamente complementario dos servizos prestados con medios propios polo Servizo Galego de Saúde e sempre ten como obxectivo e fin último garantir a máxima eficiencia e axilidade na atención aos pacientes.

Cómpre remarcar que a propia Lei de saúde de Galicia do ano 2008 establece o encontro e a complementariedade do sistema público e o sector privado de atención sanitaria:  “Para a consecución dos obxectivos e principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia recoñécese a importancia do sector privado de atención sanitaria como complementario e subsidiario a toda á súa actividade” (título V, artigo 88.1 da lei).

Tratar de asociar esta tramitación orzamentaria cunha suposta privatización da sanidade pública é faltarlle á verdade, empregar os datos de forma demagóxica e actuar deliberadamente de forma moi irresponsable.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------