Festa de verbas, arte e música para homenaxear a Castelao na Insua dos Poetas

A Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás) acolleu a ‘XVII Festa da Palabra’, adicada a Alfonso R. Castelao (1886-1950), no 75 aniversario do seu pasamento. Durante o evento, impulsado pola Fundación Insua dos Poetas conta coa colaboración do Concello do Carballiño, procedeuse ao desvelamento da nova instalación escultórica. O autor, o escultor ourensán Antón Pulido, homenaxeou a Castelao coa peza “A porta de Castelao”, realizado a partir de ferro e pedra, que contou cunha moi boa acollida do público presente.

Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, aproveitou a ocasión para poñer en valor o legado cultural, político e social de Alfonso R. Castelao, así como o seu vínculo coa provincia ourensá. Tosar recordou o importante apoio que recibiu no exilio por parte do colectivo de ourensáns emigrados. No acto tamén participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o deputado provincial de Cultura, César Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

José Castro-Gil, alcalde en funcións; Diego Fernández, concelleiro de Cultura e representante do Concello na Fundación, e Miguel Fernández, concelleiro de Medio Rural, tamén estiveron presentes na celebración, que incluíu o concerto do grupo Tres Pesos, ademais do tradicional xantar popular. Ademais, os asistentes puideron comprar o libro “Castelao escritor”, recentemente publicado pola Editorial Galaxia con textos de Eduardo Blanco Amor editados por Luis González Tosar e Alexandre G. Corbillón. Trátase dun volume que recolle ensaios e análises que exploran a obra de Castelao e o seu papel como defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como caricaturista crítico ou como autor de textos sobre a emigración e o exilio.

Sete galardóns

O novelista César Lorenzo recibiu o premio literario; a xornalista María Xosé Porteiro o premio lingua galega nos medios de comunicación; a Editorial Galaxia o galardón á defensa e impulso da cultura propia; o Cineclube Padre Feijóo recibiu o premio ao audiovisual en galego; a Irmandade da Sanidade Galega recolleu o galardón como colectivo destacado polo esforzo de galeguización; o CEIP Curros Enríquez de Celanova recibiu o premio protección da natureza, e Ramón Aguiño recolleu o galardón á cultura na emigración.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------