A 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) pechou esta fin de semana cun balance moi positivo, tanto en termos de asistencia como de acollida artística e cidadá. A nova dirección, encabezada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde, celebra os resultados dunha edición que superou os 6.300 espectadores e que, malia o relevo na dirección, logrou bater todos os récords históricos de venda de abonos. “Isto significa que a xente segue fiel á MIT a pesares do cambio na Dirección”, subliñou Sabela Mendoza.
A programación, que incluíu 24 espectáculos de teatro, danza, performance, circo e artes vivas. A estas uníronselle outras actividades paralelas en máis dunha ducia de espazos escénicos ata sumar un total de 35 propostas e reafirmando á MIT como un festival expandido, diverso e atento non só á pluralidade formal e temática das artes escénicas e contemporáneas, senón tamén aos escenarios que unha paraxe coma a de Ribadavia pode ofrecer para esta arte.
Logo desta edición, o alcalde de Ribadavia, César Fernández, valora “o éxito desta 41ª Mostra Internacional de Teatro, que é un orgullo para Ribadavia. Máis de 6.000 persoas pasaron por Ribadavia estes días, gozando do teatro, das artes vivas e da nosa contorna, e iso é un impulso non só cultural, senón tamén social e económico para toda a comarca. A MIT volve demostrar que é un dos eventos culturais máis importantes de Galicia e que Ribadavia é un lugar de referencia para a creación escénica contemporánea”. “Desde o Concello queremos agradecer á nova dirección o seu traballo, ao público a súa fidelidade, e ás compañías a súa entrega e calidade. Esta Mostra demostra que a cultura é motor de comunidade, memoria e futuro” pon en valor o rexedor. “Quero aproveitar tamen esta ocasión para agradecer a colaboración de todos os voluntarios e voluntarias, ás institucións como Xunta, Deputación e INAEM, e aos patrocinadores privados que colaboran ano a ano coa MIT xa que sin eles nada de isto sería posible”, engade.
Pola súa banda, a nova dirección valora especialmente a resposta do público e das compañías. “Quedamos moi contentas sobre todo pola acollida. Do programa estabamos convencidas de que todo o que se ía a presentar nesta MIT tiña unha enorme calidade e non defraudou”, explica Mendoza. A directora destaca tamén a noite de clausura como un dos momentos máis emotivos da Mostra: “No peche da MIT con Bach (da compañía Malpelo), que é unha peza que xa ten anos pero que é a día de hoxe case historia viva da danza contemporánea, foi unha clausura moi fermosa porque a propia bailarina, María Muñoz, tomou o micro ao rematar a función para agradecer a acollida de Ribadavia, agradecer poder pechar o festival… Referíndose a esa noite máxica e convidou ao seu compañeiro e co-director Pep Ramis, a facer unha sorte de ‘bis’ na que bailaron os dous un par de minutos un pouco como agasallo final á Mostra.”
A MIT 2025 acolleu compañías e creadoras de Galicia, do resto do Estado español e de países como Portugal, Italia e Brasil, combinando propostas intimistas e outras de gran formato, e apostando por espectáculos que cruzan linguaxes e cuestionan fronteiras, tanto formais como políticas.
Un dos eixos centrais da edición foi o teatro galego, con nove compañías e creadoras presentando os seus últimos traballos e unha chea de artistas participando en actividades paralelas. Tamén tivo un lugar destacado o Premio Abrente, que cumpría 20 anos e contou cun acto especial de celebración. “Todos os autores e autoras premiadas durante estes anos foron convidados a participar nunha conversa conxunta e tamén xunto a membros históricos da Agrupación Cultural Abrente”, lembrou Sabela Mendoza, quen destacou o valor do encontro: “Falaron da importancia de por en valor a dramaturxia en galego, do que foi a labor histórica da Agrupación e do que doi para eles e elas o impulso do Premio Abrente nestes últimos vinte anos . Foi un encontro moi especial.”
No que respecta ao Premio do Público, nesta edición foi para Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, unha memoria escénica sobre a reconversión industrial da Ría de Vigo. O segundo espectáculo máis votado foi Ovvio, do Kolektiv Lapso Cirk, e o terceiro Grandissima Illusione, de Cris Blanco, obra inaugural da MIT. “Estas tres pezas quedaron moi próximas nas votacións, sen grandes diferenzas entre elas”, apunta Mendoza, quen sinala tamén a boa recepción de varias obras que xogaron con falsos finais e sorprenderon ao público.
Ademais da exhibición, a MIT acolleu tres residencias artísticas, seis talleres formativos, un programa de mediación escénica e actividades en aldeas como San Cristovo, Sampaio, A Franqueirán ou Francelos, fortalecendo así o seu carácter descentralizador e comunitario.
Con esta 41ª edición, a MIT consolídase como un espazo de risco, encontro e memoria que aposta pola diversidade de corpos, linguas, xeracións e formas de creación. Un festival que mantén viva a súa vocación crítica e transformadora, e que, tras esta edición de transición, confirma a súa continuidade e vitalidade baixo a nova dirección.