A pasarela substituirá a xa existente e elimina as barreiras arquitectónicas nesta zona verde e de esparexemento da cidade e da súa área metropolitana, ofrecendo novos servizos a máis de 130.000 potenciais usuarios
Como entidade responsable da xestión deste espazo, a institución provincial tamén ten previstas novas actuacións, como como xogos inclusivos no parque infantil
Ourense, 31 de xullo de 2025.
A Deputación de Ourense, como entidade responsable da xestión da área natural e recreativa de Cachamuiña, avanza na mellora deste espazo coa instalación dunha nova pasarela peonil sobre o río Loña. O presidente provincial, Luis Menor, supervisou esta mañá a posta en servizo do novo paso, que contribúe “á plena accesibilidade dos milleiros de persoas que cada ano fan uso desta contorna”.
Na visita, Luis Menor estivo acompañado por responsables técnicos da Deputación e concelleiros de Pereiro de Aguiar, concello no que se atopa esta zona. “Hoxe é un día importante para a área metropolitana de Ourense, onde nun radio aproximado de 15 quilómetros residen máis de 130.000 persoas, a metade da poboación da provincia e que demanda este tipo de espazos”, afirmou Luis Menor, quen cualificou a esta área como “refuxio climático”.
Ademais, sinalou, a área de Cachamuíña e os servizos que se van incorporando supoñen un atractivo máis para unha zona na que se encontra a entrada á Ribeira Sacra e o parque acuático de Monterrei.
Integración na paisaxe e máis sendas
O presidente provincial subliñou as características da nova pasarela, “que se integra perfectamente na paisaxe e respecta o entorno natural grazas ao seu deseño e aos materiais empregados”.
Cun investimento de máis de 320.000 euros, o novo paso está situado na cola do encoro e substitúe á anterior ponte, que xa presentaba deficiencias por deterioro e, como consecuencia, tiña elevados custos de mantemento.
A pasarela, que inclúe un miradoiro, forma parte dun novo tramo do sendeiro que rodea o encoro. Unha ruta de catro quilómetros que agora é máis accesible ao eliminar as barreiras arquitectónicas que presentaba o anterior paso, contribuíndo así a unha mellora da accesibilidade en camiños naturais con tránsito de peóns e bicicletas.
Con esta estrutura de metal prefabricada, dótase ao espazo dunha solución que permita garantir unhas condicións de comodidade e seguridade óptimas para o usuario desta ruta.
Accións complementarias cunha inversión de máis de 500.000 euros
A Deputación de Ourense, como entidade responsable da xestión deste espazo natural e recreativo, tamén aposta pola mellora doutros servizos nesta área, servizos que no cómputo global supoñen un investimento de máis de 560.000 euros. Entre as últimas incorporacións á zona cabe destacar que os donos de mascotas desfrutan dende hai un mes dun novo parque canino, con xogos e circuítos de adestramento para os cans.
Ademais, preténdese mellorar tamén o parque infantil coa futura instalación de xogos inclusivos.
A estes avances súmanse outras obras xa acometidas o parque de calistenia e biosaludable, o parque da Igualdade; un novo aparcadoiro en terreos cedidos pola Comunidade de Montes da Chaira; e mailo espazo de 17.000 metros cadrados cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área, ademais de iniciativas promovidas nas proximidades polo sector privado no ámbito dos aloxamentos turísticos.