A Xunta destina preto de 75.000 euros para a mellora dos aparcadoiros, as vías e a xestión dos residuos do polígono industrial de Vilamarín

O delegado territorial, acompañado do alcalde, percorreu esta mañá as instalacións do parque empresarial.

  • Manuel Pardo significou a aportación do Goberno galego de preto de 288.000€ aos parques industriais dos concellos do Pereiro de Aguiar, Vilamarín e a Gudiña, na provincia de Ourense
  • O delegado territorial salientou a teima da Xunta a prol da modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilite que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade
  • O representante do Goberno galego concluíu destacando a importancia de “manter unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos para poder levar a cabo obras como esta que benefician ao tecido empresarial galego”.

Ourense, 01 de agosto de 2025. – O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, o parque empresarial da Vilamarín, ao que a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 75.000 euros para a mellora dos aparcadoiros, as vías e a xestión dos residuos do polígono industrial, correspondente ás axudas encamiñadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos.

O delegado territorial significou a aportación do Goberno galego de preto de 288.000€ aos parques industriais dos concellos do Pereiro de Aguiar, a Gudiña e Vilamarín que encadra coa política industrial da Xunta a prol da modernización e á competitividade dos polígonos industriais e facilite que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.

A liña de apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

Manuel Pardo explicou que as achegas desta orde teñen unha intensidade do  80% do importe total considerado como subvencionable e cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 euros para as solicitudes conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Tamén detallou que o procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva, téndose en conta criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

O representante do Goberno galego concluíu destacando a importancia de “manter unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos para poder levar a cabo obras como esta que benefician ao tecido empresarial galego”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------