O Camiño Mozárabe-Vía da Prata verá reforzada a seguridade viaria

A Xunta informou ao presidente da Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe-Vía Plata das actuacións de reforzo da seguridade viaria que se van executar este ano en distintos treitos desta ruta xacobea, coincidentes na súa traza coas estradas de titularidade autonómica, ao seu paso polas provincias de Ourense e de Pontevedra.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Axencia Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, mantiveron esta maña unha reunión  co presidente da Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe – Vía da Plata, José Luís Rodríguez.

AVANTAR ACTIVIDADES

No encontro, os representantes do Goberno galego informaron do detalle das actuacións que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidente coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos, e que suporán un investimento autonómico próximo aos 225.000 euros.

A Xunta ten previstas un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e 1 na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, coa fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Prata coas estradas autonómicas.

As intervencións consistirán, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea.

Na provincia de Ourense, os traballos desenvolveranse na estrada OU-112, no concello de Laza, coa execución dunha senda nun tramo duns 650 metros; na OU-113, onde se realizarán 9 actuacións no termo municipal de Laza e 1 no concello de Sarreaus; na estrada OU-311, cunha intervención no concello da Mezquita; e na OU-154, ao seu paso por Piñor.

Estas intervencións encádranse no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina 12,6 M€.

Estas melloras encamiñadas a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.