Vilamarín, 5 de agosto de 2025.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vilamarín vén de facer pública a través do portavoz municipal Breixo Fernández a súa valoración sobre os graves problemas de subministro de auga que afectaron durante varios días a distintas parroquias do concello.
Segundo denunciou a formación, os cortes prolongados afectaron a todo o concello e con especial intensidade a núcleos de poboación como Boimorto, A Pena ou Río, onde a veciñanza chegou a estar ata tres días sen servizo. Esta situación tivo tamén consecuencias económicas notables para o tecido local, especialmente no sector da hostalaría, onde algúns negocios se viron obrigados a cancelar ou derivar reservas durante a fin de semana.
O BNG puxo en valor a actitude exemplar da veciñanza, que amosou paciencia e colaboración nun contexto especialmente difícil, así como o esforzo do persoal municipal, que traballou contrarreloxo a pesar da evidente falta de medios. Ao tempo, a formación fixo un chamamento a manter un consumo responsable mentres non se estabilice por completo o funcionamento da rede.
Unha vez superada a fase máis crítica da emerxencia, o BNG esixe a depuración de responsabilidades políticas dentro do grupo de goberno, ao que acusa de falta de previsión e de abandono no mantemento da rede de abastecemento, unha situación que, segundo advirte, tamén se estende a outras infraestruturas municipais como a de saneamento onde en moitos núcleos de poboación é directamente inexistente. Reclama, ademais, a elaboración inmediata dun plan de actuación urxente que permita corrixir as deficiencias detectadas, así como transparencia informativa á hora de comunicar o estado real das instalacións.
“Non podemos seguir dependendo da sorte ou do traballo contrarreloxo cando falla unha infraestrutura tan esencial para o desenvolvemento da vida”, sinalou o portavoz municipal da formación, Breixo Fernández.
Finalmente, pide “un compromiso firme co investimento público para garantir un servizo esencial que sexa digno, estable e resiliente”.