A ‘63ª Festa do Pulpo’ bateu records de asistencia na súa homenaxe a Noventa Padovana

A vila do Arenteiro converteuse onte na capital mundial da gastronomía coa celebración da tradicional Festa do Pulpo, que acadou a súa 63ª edición coa adicatoria especial a Noventa Padovana, localidade italianda da rexión de Venecia e irmandada co Carballiño dende o ano pasado. Un festexo que voltou bater récords de afluencia dende tódolos puntos de Galicia, do resto do Estado e, como non, dende o outro lado do ‘charco’ cunha alta presenza de persoas emigradas.

A xornada abríase coa recepción das autoridades na explanada de entrada ao Parque Municipal do Carballiño. Alí estiveron o conselleiro de Comercio e Emprego, José González; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; e o deputado provincial Rosendo Fernández. O sindaco (alcalde) de Noventa Padovana, Marcello Bano, e o responsable de Comercio desta vila, Davide Iafelice, foron os convidados de honra, así como a xornalista Leticia Iglesias, como embaixadora da festa.

Xa na paraxe natural, iniciábase o festival folclórico de música e danza tradicional, coa participación da banda de gaitas Os Catro Ventos, Uxía Lambona e a Banda Molona, Cantanascroas e Pelepau, que tivo continuidade durante toda a tarde na pista central.

Un total de 60 pulpeiras e pulpeiros serviron o exquisito cefalópodo tanto no Parque coma no casco urbano, ademais da carne ó caldeiro, churrasco ou sardiñas asadas que se cociñaron nos restaurantes ambulantes distribuídos pola contorna.

E no recinto oficial, máis dun milleiro de comensais tiveron a oportunidade de degustar un menú composto por empanada de carne e atún; pulpo á feira; carne ó caldeiro; cañas de postre; bebidas, café e queimada, todo elo amenizado por un grupo de gaiteiros.

A orquestra La Ocaband foi a encargada de animar a verbena na Praza Maior e así clausurar a xornada festeira.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------