Unha das imaxes máis destacadas que deixan estas obras céntrase nos portóns das fachadas principais, que recuperan o seu branco orixinal, a mesma cor orixinal de todas as carpinterías das plantas superiores, así como das carpinterías do Centro Cultural Marcos Valcárcel
O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como “edificio de protección estrutural”, o que obrigou a contar con especialistas para determinar o tratamento axeitado contra as pegadas de pintura que danaron o histórico inmoble
Ourense, 11 de agosto de 2025.
As fachadas do Pazo Provincial, sede da Deputación de Ourense, locen desde esta semana un renovado aspecto logo dos traballos de restauración realizados nos últimos catro meses, co fin de reparar e eliminar os graves danos sufridos polo lanzamento de pintura, botes de fume e petardos contra o histórico inmoble, co fin de recuperar, conservar e poñer en valor este edificio, na súa condición de patrimonio histórico e arquitectónico, ademais da propia estética.

Unha das imaxes máis destacadas que deixa esta restauración céntrase nos portóns das fachadas principais. Ao retirar a pintura das portas de madeira para a súa reparación comprobouse que a primeira capa era de cor branca, sobre a cal e co paso do tempo foron imprimíndose distintas tonalidades de verde. Tras esta comprobación acordouse devolver ás portas a súa inicial cor branca, que tamén é a cor orixinal de todas as carpinterías das plantas superiores, así como das carpinterías do Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Os traballos realizados desde mediados de maio, que contaron cun orzamento próximo aos 100.000 euros, iniciáronse na rúa Fonte do Rei, progresando pola fachada de Cruz Vermella e rematando na parte principal da rúa Progreso, zona do inmoble no que se concentraban os danos máis importantes.
O proxecto de restauración, redactado polo servizo provincial de arquitectura, incluíu a eliminación das manchas de pintura na pedra, nas paredes, portas e xanelas, labores que obrigaron á colocación dunha estrutura en todas as fachadas. Tamén se repararon e pintaron os panos nas tres caras do inmoble, cunha actuación especial na parte central da fachada principal.
Ademais, mediante produtos como morteiros, compatibles cos materiais orixinais das fachadas, retiráronse elementos en desuso e restaurouse a cantería histórica.
Expertos en restauración
O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como “edificio de protección estrutural”, é dicir, un inmoble que polo seu valor histórico ou artístico ou a súa calidade arquitectónica e construtiva singularízase na contorna na que se sitúa.
Esta circunstancia motivou a participación de especialistas en restauración, que se encargaron de determinar o produto máis axeitado para retirar as pegadas de pintura da pedra.