Medio rural garantirá o alimento para os animais das explotacións gandeiras afectadas polos incendios

A conselleira do Medio Rural participou na recepción dun dos primeiros camións na Pobra de Trives dentro desta actuación que se está a desenvolver desde hoxe en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros para dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades do sector

A Pobra de Trives (Ourense), 16 de agosto de 2025.- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, achegouse na tarde de onte ata A Pobra de Trives para recibir a un dos primeiros camións do operativo de emerxencia que se vén de activar para garantir a subministración inmediata de alimento para os animais das explotacións gandeiras afectadas polos incendios forestais rexistrados estes días en distintas zonas da provincia de Ourense.

Esta actuación estase a desenvolver, dende o día de hoxe, en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, co obxectivo de dar unha resposta áxil e eficaz ás necesidades do sector. Esta medida vaise a realizar a través dunha contratación de emerxencia coa empresa pública TRAGSA, xunto con distintas entidades do sector.

A Xunta asumirá na súa totalidade os custos derivados desta medida como son o propio alimento, o transporte e a distribución da comida, reafirmando así ou seu compromiso co benestar animal e co apoio ás explotacións do noso rural galego nesta situación de emerxencia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------