Consumo abríu este ano 637 expedientes sancionadores por un importe de 9,4 millóns de euros

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 20.218 consultas, unha media de 111 diarias. Ademais, tramitou 9.710 reclamacións, o que se traduce nun promedio de 53 reclamacións diarias, e abriu 637 expedientes sancionadores por un importe total de 9,4 millóns de euros.

En relación coas consultas, figuran en primeiro lugar as relacionadas co ámbito das telecomunicacións, que con 5.312 representan máis do 26% das consultas. En segundo lugar están as relacionadas coa enerxía -3.824-, que supoñen case o 19% do total. Ademais, destacan as consultas relacionadas co eido electrónico, con 1.625, e co financeiro, que acadaron as 1.343.

No que respecta ás reclamacións, máis do 21% do total foron no campo das telecomunicacións, con 2.069, seguidas das relacionadas coa enerxía, que acadaron a cifra de 1.725 e supoñen preto do 18%.

En canto aos expedientes sancionadores en materia de consumo nos primeiros seis meses do ano, o sector con maior número é a electricidade e a enerxía, con 118 expedientes abertos por valor de máis de 2,5 M€, seguidos polo sector financeiro e as telecomunicacións.  

O labor do IGCC

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia encárgase de informar aos consumidores e de defender os seus dereitos e intereses. Este ano conmemóranse os 30 anos da súa creación e ademais coincide que neste segundo semestre Galicia ostenta a representación das comunidades autónomas españolas no grupo de traballo Protección e información dos consumidores do Consello de Competitividade da Unión Europea.

Durante este período, o persoal do Instituto Galego do Consumo e da Competencia asistirá ás reunións do citado grupo de traballo, compartindo a información co resto de comunidades autónomas e, cando proceda, coordinando a adopción de posicións comúns nos debates que así o requiran. Neste labor conta co apoio, tanto da Fundación Galicia Europa como da Representación Permanente de España ante a Unión Europea.

Esta función permitirá reforzar o liderado de Galicia en materia de consumo a través do labor que desenvolve o IGCC, destacando especialmente o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia. Este é o único laboratorio público oficial nesta materia acreditado por ENAC —entidade que avala a competencia técnica na certificación e inspección—, e sitúase como referencia estatal tanto no control como na comunicación de alertas sobre produtos inseguros.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------