A Xunta prevé a contratación de 500 desempregados en entidades adicadas á servizos sociais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 de achegas para a contratación de persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro, cun orzamento de preto de 9 millóns de euros e a previsión de inserción laboral de arredor de 500 persoas en toda Galicia. Deste xeito, a iniciativa ten un dobre obxectivo, por unha banda, mellorar a empregabilidade das galegas e galegos a través da súa incorporación ao mercado laboral e, por outra, dar resposta á crecente demanda de profesionais no ámbito dos servizos sociais.

Con este novo programa de cooperación, prevese beneficiar arredor de 200 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. As entidades sociais beneficiarias destes apoios deben ter como a súa actividade principal o fomento de accións específicas para a inserción de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, servizos comunitarios, maiores, familia, mulleres ou infancia.

Así mesmo, deberán garantir contratos a tempo completo de nove meses ou, alternativamente, contratos a tempo parcial de 12 meses. As axudas cubrirán os custos salariais e de cotizacións á Seguridade Social das persoas contratadas e o prazo de solicitude abrirá mañá e prolongarase ata o 19 de setembro.

Máis detalles da convocatoria

Dos 8.825.000 de euros de orzamento, 3 millóns reservaranse especificamente para proxectos singulares, que serán desenvolvidos por organizacións con dimensión autonómica, máis de 100 profesionais nos seus cadros de persoal ou que prestan servizos a outras entidades.

A Xunta estima que cada entidade beneficiaria recibirá un apoio medio de 45.250 euros, o que supón un investimento estimado de 18.200 euros por cada traballador ou traballadora contratada. Grazas a estas achegas, no último trienio (2022-2024), apoiouse a contratación de preto de 1.800 persoas sen emprego en 650 entidades sen ánimo de lucro en todo o territorio galego.

Esta liña de apoios reflicte a colaboración activa entre a Administración autonómica e o terceiro sector, clave para impulsar servizos de interese xeral que contribúan ao desenvolvemento da comunidade. Neste sentido, enmárcase na estratexia global da Xunta de Galicia de favorecer a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, con medidas adaptadas ás realidades do territorio e aos perfís máis afectados polo desemprego.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------