Arteficial habilitará un espazo solidario para apoiar aos colectivos afectadas polos incendios no Ribeiro

O Festival Arteficial completa a súa proposta de concertos e actividades para a súa última edición, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro (venres e sábado) no Museo Etnolóxico de Ribadavia, nos arredores e no interior da Praza da Madalena e no Adro da Igrexa da Oliveira, todos eles espazos situados dentro do conxunto histórico de Ribadavia.

A organización do festival avanzou que as bandas confirmadas na edición deste ano son Gondawa (Francia), Mbye Ebrima (Gambia), Abril (Vigo), Charnego (Madrid), Rompecinturas Selektor+Karaoke con Esteban (Santiago de Compostela), Paula RR, Isaac Pedrouzo, Auto Sacramental (Madrid) e o grupo de gaitas Airiños da Arnoia, que se encargará dos pasarrúas, nos que acompañarán aos xigantes Don Pedro e Dona Ana.

Ademais dos concertos, as xornadas do 5 e 6 de setembro contarán con outras actividades, como “O Mercado das Sementes”, onde artistas e comerciantes galegos poderán mostrar e vender as súas creacións, como roupa, ilustracións, vinilos, obxectos para o día a día e outros complementos. Será nesta localización onde Arteficial habilita un espazo solidario para aqueles colectivos afectados polos incendios. Na súa edición 2025, Arteficial quere amosar o seu apoio ás comunidades afectadas polos recentes incendios na comarca. Por iso, o festival cederá un espazo dentro da zona do mercado para que asociacións veciñais, colectivos e comunidades directamente afectadas poidan dar visibilidade á súa situación, difundir iniciativas ou recadar fondos destinados á recuperación dos seus montes e espazos. Unha iniciativa que reforza o compromiso social e comunitario do festival, abrindo as súas portas á solidariedade e á participación cidadá.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------