O BNG leva ao pleno da Deputación medidas urxentes tras a vaga de lumes que asolaron as comarcas de Ourense

O BNG trasladará ao pleno extraordinario da Deputación de Ourense, convocado para mañá mércores, unha serie de medidas urxentes para facer fronte ás consecuencias da vaga de lumes que arrasou amplas zonas da provincia durante este mes.

Tras incluírse un punto no vindeiro pleno extraordinario da deputación provincial  de Ourense deste mércores, no que se acorda abordar a situación provocada polos lumes deste mes no conxunto das comarcas de Ourense, BNG e PSOE acordamos retirar a solicitude feita conxuntamente dun pleno extraordinario para abordar esta temática.

O portavoz provincial do BNG, Bernardo Varela, subliñou que “a prioridade agora é apoiar aos concellos e á veciñanza afectada, e que a Deputación de Ourense estea á altura do que demanda a cidadanía”, lembrando que “non abonda con analizar responsabilidades: fan falta respostas inmediatas e compromisos claros para evitar que os lumes volvan ter un impacto tan devastador”.

Entre as propostas do BNG está poñer o servizo de obras e medio ambiente da Deputación ao servizo dos concellos afectados para tarefas urxentes, como a apertura de cortes e a instalación de barreiras que mitiguen as escorrentías de cinza provocadas polas choivas. Desde a organización nacionalista tamén se reclama que a Deputación poña a AquaOurense á disposición dos municipios en previsión de problemas de salubridade nas captacións de auga, garantindo así o abastecemento en condicións seguras.

Ao tempo, o BNG demanda a inmediata posta en marcha dos compromisos aprobados por unanimidade na moción nacionalista do pasado mes de xullo, referida á mellora da xestión das faixas secundarias de biomasa. “Se as medidas recollidas nesta moción estivese previstas con anterioridade polo goberno provincial, suporía unha axuda fundamental para combater a traxedia que sufrimos este agosto”, advertiu Varela.

Así mesmo, a organización nacionalista propón a constitución dun grupo de traballo, cun prazo inicial dun mes, no que participen comunidades de montes, concellos, gandeiros e gandeiras e demais colectivos afectados polos lumes. O obxectivo é deseñar medidas urxentes fronte aos danos ocasionados e evitar que esta traxedia contribúa a afondar no despoboamento das terras ourensás, un problema que se vén agravando nas últimas catro décadas.

Varela concluíu advertindo que “o despoboamento e a desprotección do noso medio rural están na raíz desta situación, e cómpre que a Deputación dé unha resposta inmediata, pero tamén de futuro, para garantir que Ourense non siga a sufrir as consecuencias dun abandono institucional intolerábel”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------