A Deputación asumirá a extinción do incendio do vertedoiro municipal de A Rúa a través dunha contratación de emerxencia

O presidente provincial subliñou a “total disposición” da institución provincial co citado concello dende o inicio do problema e garante a través dunha empresa especializada a seguridade técnica dos traballos

Luis Menor puxo en valor a cooperación como “solución a unha emerxencia” como esta

Está previsto que os traballos de extinción comecen este mesmo luns

Ourense, 30 de agosto de 2025.

A Deputación de Ourense asumirá a extinción do incendio forestal que afecta ao vertedoiro municipal de A Rúa dende hai dúas semanas. Tralo contacto permanente co citado concello e as visitas dos técnicos durante estes días, esta mañá a institución provincial formalizou, a través da petición da alcaldesa María Albert, a contratación de emerxencia dos traballos de extinción deste lume, que correrán a cargo da empresa especializada Tragsa. Así o anunciou esta mañá o presidente provincial, Luis Menor, durante unha rolda de prensa en A Rúa, acompañado pola rexedora e por outros alcaldes da comarca, para dar conta da situación. “Independentemente das nosas competencias, como Deputación estivemos sempre dispostos a cooperar e así o faremos, dando solución a unha emerxencia con total garantía nas obras”, apuntou Menor.

O presidente provincial fixo referencia á incapacidade técnica e económica do Concello de A Rúa para asumir os traballos dunha extinción “complexa”, ao tratarse dun vertedoiro municipal, polas propias características do mesmo e as condicións que afectan a saúde das persoas. “Por iso os traballos os fará con total garantía técnica e de seguridade unha empresa especializada como Tragsa”, apuntou Menor. 

A contratación, cun orzamento aberto, é para a propia extinción do lume e será próximo aos 100.000 euros. Neste sentido, o presidente provincial prevé que os traballos finalicen “en poucos días”, chegando as máquinas durante a fin de semana e comezando a extinción o propio luns.

Menor lembrou que o informe da UME desaconsellou no seu momento a extinción con medios propios, motivo polo que os técnicos da Deputación e o propio Concello de A Rúa, coa Xunta de Galicia, analizaron durante estes días a mellor solución para o problema.

Pola súa banda, a alcaldesa, María González Albert, fixo referencia aos “duros momentos” que viviu como representante dos veciños ante este problema e agradeceu a cooperación da Deputación para afrontar a viabilidade dunhas obras “complexas”, trasladando tamén o agradecemento da cidadanía da Rúa e da comarca “porque ten demostrado que colectivamente se conseguen as cousas”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------