O presidente provincial, Luis Menor reuniuse esta mañá no Pazo Provincial co presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense, para coñecer de primeira man os proxectos nos que está a traballar esta entidade coa que a Deputación “vén colaborando estes últimos anos”
Ourense, 2 de setembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor e o presidente da Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA), David Martínez, reivindicaron durante o encontro mantido esta mañá no Pazo Provincial, a figura do autónomo como imaxe da economía ourensá destacando ao Afiador como o “primeiro autónomo da nosa historia”.
Durante a reunión, o presidente provincial coñeceu de primeira man os proxectos nos que está a traballar esta entidade coa que a Deputación “vén colaborando estes últimos anos”. Unha asociación que agrupa ao redor de 200 asociados e que se atopa “en plena expansión” e cuxa actividade é “complementaria ás accións da CEO”, dixo Luis Menor.
De cara ao vindeiro ano, ambas entidades propóñense continuar con este traballo de impulso para que se “concreten” os proxectos de autónomos creando entre todos “o clima adecuado” para que poidan ser materializados, sinalou o presidente provincial.
Neste sentido, Luis Menor asegurou que o obxectivo é tamén ser capaces de atraer autónomos doutros lugares da xeografia española e de fóra de España “a nosa provincia”, un obxectivo que debe ir da man da “mellora das comunicacións e da oferta dun clima social e económico adecuado que permita desenvolver este tipo de actividades”. Así mesmo, lembrou a crecente chegada de inmigrantes a Ourense, unha situación que debemos ter en conta para ofrecerlles “a posibilidade de desenvolver a súa inquietude empresarial no noso territorio”.
Pola súa parte, o presidente de AEPA destacou a importancia de estar “en sintonía” coa Deputación e con todos os organismos para desenvolver proxectos de autónomos na provincia que ten como referente ao Afiador, “que podería ser o primeiro autónomo ourensá” e “aglutinar forzas” para que asociar a provincia coa figura do autónomo.