O Arenteiro consigue o primeiro triunfo da tempada en Espiñedo fronte ao Unionistas de Salamanca

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Club Deportivo Arenteiro regresaba a Espiñedo para iniciar na casa o segundo capítulo desta tempada. Os de Arribas saltaron ao céspede carballiñés cun once de garantías no que destacaban as novidades de Lohr, Jordan, Bastida e Richarte no once inicial. Todo isto, fronte a un Unionistas que visitaba o feudo verde co ánimo de lograr os seus primeiros puntos da campaña.

O choque comezou frenético, con numerosas ocasións para os locais, con Richarte como principal activo aos espazos, nunha estrutura de xogo con múltiples apoios e boas accións polos costados. O Arenteiro amosábase mellor que o rival e conseguía chegar con velocidade, poñendo a proba a Marino, o mellor dos charros na primeira metade.

O xogo dos locais xeraba ocos na retagarda rival. Jordan probaba fortuna en dúas ocasións, con disparos desde longa distancia, mentres que Richarte rozaba o tanto nun man a man que Marino salvaba con reflexos sobre a liña. O bloque verde ofrecía moito máis que o contrario en materia ofensiva, tanto en xogada combinativa como en balón directo, e amosábase superior a un equipo que só buscaba o erro do once local, sen éxito. Mellor a puntos, pero sen sorte na definición, a igualada campeaba ao final dos corenta e cinco minutos.

A segunda metade arrincou con grandes novas para o equipo de Carballiño. Unha xogada colectiva fantástica remataba cun pase interior para a chegada de Mingo, que definía cun tiro cruzado perfecto para facer o primeiro gol do encontro. Premio merecido para os de Arribas, que se adiantaban no marcador grazas ao seu mellor desempeño ata o momento.

O encontro pertencía ao conxunto galego, que mantiña a súa aposta decidida polo ataque, aínda que o duelo se foi equilibrando co paso dos minutos. Unionistas buscaba a súa oportunidade a través de balóns longos e cruzados sobre a área de Diego, pero tanto o meta como a defensa abortaban con eficacia cada tentativa rival.

As entradas de Diego Moreno, Ochoa e Alpha deron músculo a un equipo que só tiña na cabeza a vitoria. O partido entrou entón nun correcamiños intenso e eléctrico, no que as forzas se igualaban en busca do ataque aos espazos e a caída nos últimos metros. Os derradeiros minutos sumaron misterio a un encontro emocionante ata o final, no que houbo tempo para o debut de William De Camargo coa zamarra verde. O asubío final trouxo a vitoria do Arenteiro, que suma así os seus primeiros tres puntos da tempada, con todo merecemento.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------