Ribeiro en Común demanda a colocación dunha pancarta na Casa do Concello en solidariedade co pobo palestino

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común vén de difundir un comunicado no que fai unha valoración da situación do pobo palestino pola invasión israelí, á vez que propón unha serie de medidas en favor da paz en Gaza ao traverso da Rede de Xuderías e esixe que o Partido Popular adopte a mesma postura que amosou cando Rusia atacou a Ucraína.

Concretamente, dende Ribeiro en Común exponse que:

“A situación de extrema gravidade que se vive en Gaza debera levar a todos os municipios e institucións a sumarse á petición de paz para Palestina e de finalización da invasión de Israel. Os crimes diarios contra a humanidade e o bloqueo de axuda humanitaria deben estar no centro da vida política democrática. Non podemos actuar como se isto non acontecera. Facer visible a terrible situación de Gaza e mostrar a solidariedade do noso municipio é unha obriga moral e ética, da que estamos seguros a maioría da nosa sociedade está a favor. Así estase a facer xa en moitos concellos galegos, por iso consideramos que Ribadavia debe sumarse a iniciativas como esta de facer visible nas casas dos concellos a petición de paz para Gaza.

Ribadavia preside a asociación Rede de Xuderías

Por outra banda, seguimos insistindo que Ribadavia, que ostenta a presidencia rotatoria, impulse unha declaración pedindo a paz en Gaza e o desbloqueo da axuda humanitaria. Así mesmo, demandamos que se rompa toda relación co goberno actual de Israel, e se impida que volvan participar representantes do Estado sionista en ningunha actividade da Rede de xuderías, como ten acontecido. Exemplos que non poden volver acontecer, xa que participar, colaborar ou financiar actividades da man do Estado actual de Israel é un acto de branqueamento dos seus crimes.

Así mesmo, demandamos que Ribadavia lle esixa á organización “Federación de Comunidades Judías de España” que deixe de facer política a favor do goberno de Israel, pois leva todo este tempo de invasión de Gaza manifestando o apoio ao goberno de Netanyahu e lanzando criticas constantes aos manifestantes pro-dereitos humanos. Feitos moi graves que fan inexplicable que esta organización teña un programa de Televisión en TVE, e por encima fora premiada en Ribadavia na última Asemblea Xeral.

Por todo isto, pedimos que as asociacións que se din culturais non fagan política partidista, máis se cabe nunha cuestión tan delicada. Reclamamos que estas asociacións se centren no legado cultural sefardí, que apoiamos e do que estamos moi orgullosos e orgullosas, un legado que rematou drasticamente en 1492 co decreto de expulsión dos “Reis Católicos”, mitificados pola historiografía máis españolista e nacional- católica que o PP tanto reivindica.

Cinismo dos dirixentes do PP

En febreiro de 2022 o PP presentaba mocións en todos os concellos e parlamentos autonómicos para condenar a invasión de Rusia en Ucraína. Ese discurso “humanitario” converteuse en silencio coa invasión de Israel de Gaza e a limpeza étnica da súa poboación, que está tendo como consecuencia o asasinato planificado de máis de 20 mil nenos e bebés, e máis de 60 mil civís inocentes. E non só silencio, senón tamén con manifestacións de xustificación destes terribles crimes e de apoio ao goberno de Netanyahu.

Ribadavia aborrece estes crimes e as súas xustificacións, e como no pasado en Ucrania, agardamos que agora o goberno municipal se manifeste pola paz en Gaza e Palestina”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------