O Club Aehde reunirá este vindeiro sábado, 27 de setembro, no Carballiño a preto de 90 deportistas na oitava edición da ‘Copa Deputación de Patinaxe Artística’ na modalidade de estilo libre.
O programa deportivo terá lugar no pavillón polideportivo Paco Chao, en quendas de mañá, de 10,30 a 14,00 horas, e tarde, de 16,00 a 20,00 horas, coa participación de patinadoras e patinadores pertencentes aos tres clubs da provincia de Ourense con deportistas federadas nesta modalidade: Ourela, Roller Ourense e Aehde O Carballiño.
O evento está encadrado dentro do programa de copas deputación da provincia e circunscribe a súa participación aos clubs ourensáns. A calificación corresponde a xuíces da Federación Galega de Patinaxe (FGP) e a entrada ao anexo do pavillón Paco Chao será totalmente gratuíta. Trátase, ademais, da primeira competición tra-lo parón do verán que se celebra na provincia de Ourense. A anterior, a Copa Galega de Show, tamén fora organizada polo Club Aehde O Carballiño.