Termatalia chega a Colombia para celebrar a súa 6ª edición en América baixo o lema “Unha viaxe que sana”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, chega a Colombia para celebrar a súa sexta edición en América entre o 24 e o 26 de setembro. Baixo o lema “Unha viaxe que sanda”, Termatalia Colombia 2025, está a celebrarse na municipalidade termal de Paipa, no departamento de Boyacá, co obxectivo de posicionar a esta rexión como destino termal internacional pola calidade e cantidade das súas augas termais. Esta edición está a convocar a profesionais de 18 países entre expertos, expositores, medios de comunicación e asistentes ao VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que deu comezo esta mañá no Hotel Sochagota de Paipa, sede central do evento.

Os países representados nesta edición son Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Francia, Hungría, Islandia, México, Panamá, Perú, Portugal, Tailandia, Uruguai e Venezuela. Nesta primeira mañá de Termatalia Colombia 2025 arrincaron as accións profesionais do evento e a área expositiva. Dentro do programa académico destaca o VI Congreso Internacional sobre Auga e Saúde que convoca a 55 relatores de 13 países, destacando a presenza de profesionais de Colombia, que exerce de país anfitrión, e tamén de España, berce de Termatalia. Este Congreso está a ser seguido de forma presencial por un auditorio de 500 asistentes aos que hai que sumar os que se conectan en streaming desde calquera parte do Mundo. O streaming é gratuíto e pode seguirse a través do link: https://www.youtube.com/@TERMATALIAVICONGRESOCOL.

O programa científico deste Congreso responde as necesidades indicadas polos anfitrións para ampliar a súa formación en termalismo e turismo de saúde. Termatalia confección un programa ad hoc para responder a iso incluíndo sesións sobre Geotermia, Hidrología Médica, Cosmética Termal, Marketing, Lexislación, entre outras. Ademais do VI Encontro Internacional sobre Auga e Saúde no que os relatores exercerán de docentes compartindo a súa experiencia e coñecemento, a novidade deste ano é a organización, de forma paralela e complementaria a este Congreso, dun programa de paneis especializados e conversatorios nos que os asistentes poderán profundar cara a cara co experto no tema concreto que lles resulte de maior interese. Desde Paipa e Boyacá viven este evento como unha oportunidade histórica para mostrarlle ao mundo o potencial das súas augas termais e esperan que cumpra co propósito de impulsar o desenvolvemento económico e sostible desta rexión ao redor do termalismo.

Boyacá foi elixida como a terceira rexión máis acolledora do mundo e á única rexión do planeta que concentra nun mesmo territorio e en diversos pisos térmicos e climas, augas termais doces e salgadas. Neste departamento sitúase a sede de Termatalia, Paipa, que aos seus 2.525 metros sobre o nivel do mar posicionouse como o epicentro do termalismo en Colombia. Co lago Sochagota como escenario, este municipio ofrece non só augas medicinais e terapéuticas buscadas por visitantes e deportistas de todo o mundo, senón tamén historia, cultura e deportes náuticos.

O acto de inauguración oficial do evento celebrarase pola tarde no Parque Jaime Rook situado en centro de Paipa. O director de Termatalia, Rogelio Martínez, estará acompañado neste evento polo Gobernador de Boyacá, Carlos Andrés Amaya; polo viceministro de Turismo de Colombia, John Alexander Ramos; polo alcalde de Paipa, Germán Ricardo Camacho; e pola responsable de Termalismo da Xunta de Galicia, Belén Gómez Quevedo. O acto protocolario inclúe a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación Provincial de Ourense, da Banda Sinfónica da Gobernación de Boyacá e da de Paipa.

A sexta edición da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar en América está organizada por Expourense co apoio dos anfitrións locais entre os que destacan a Gobernación de Boyacá, a Alcaldía de Paipa e o Instituto Termal de Paipa e coa colaboración de entidades nacionais como Fontur (Fondo Nacional de Turismo) e Cotelco (Asociación Hostaleira e Turística de Colombia) e tamén de entidades galegas como son a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial de Ourense.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------