O futuro do servizo municipal de Emerxencias será obxecto de negociación para modificar tarefas e horarios

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Corporación do Carballiño rexeitou hoxe dúas mocións de Espazo Común relativas ás reivindicacións dos traballadores do grupo municipal de Emerxencias e contra a suba da taxa por recollida de lixo nas parroquias do rural, mentres se aprobou outra proposta do BNG solicitando melloras dos recursos laborais e econcómicos no Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Neste último caso, os plantexamentos defendidos pola voceira nacionalista, Sofía García, contou co apoio dos catro concelleiros do PSdeG-PSOE e dos catro de Espazo Común presentes na sesión e o rexeitamento do Partido Popular, tamén con catro edís asistentes.

No punto de debate do grupo de Emerxencias, Adolfo Nogueira xustificou a necesidade para a cidadanía da existencia deste servizo, “que están deixando morrer”, e que pode suplir perfectamente aos bombeiros do Consorcio Intercomarcal cando éstes se atopen noutros concellos lonxanos. O voceiro de Espazo Común instou ao goberno municipal a “ser valentes e cambien a RPT (relación de postos de traballo) se consideran que non deben acudir aos incendios”. Pola súa banda, Sofía García apuntou que “hai que garantirlles unhas condicións laborais e uns equipamentos dignos” aos traballadores deste servizo.

Polo equipo de goberno, o concelleiro de Seguridade, Alberto Otero, lembrou que o grupo de Emerxencias fora creado cando no Carballiño e na comarca non existía un parque de bombeiros, e que habería que reformular agora os seus obxectivos, coma adicalos a tarefas de prevención. Tamén indicou que “darlles equipos de protección non os converte en profesionais do sector de extinción” e matizou que “nós (O Concello) non ofertamos prazas de bombeiros urbanos”. O edil socialista avogou pola creación de parques de bombeiros comarcais e avanzou que “negociaremos cos traballadores e os sindicatos e traballaremos na modificación da RPT e na modificación dos seus horarios”.

O pleno da Corporación tamén deu o visto bó á Conta Xeral de 2024, cos oito votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos catro edís de Espazo Común e da concelleira nacionalista. Finalmente, os votos de PSdeG-PSOE e PP foron cruciales para rexeitar a urxencia de sendas mocións dos grupos de Nogueira e García, nas que se pedía a dimisión do goberno municipal e a anulación dos acordos asinados polo Concello e as promotoras dos parques eólicos.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------