A Deputación reafirma o “compromiso crecente” na internacionalización das empresas co programa ExportOU

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O deputado Rosendo Fernández inaugurou un taller de produtividade con intelixencia artificial na CEO

A institución provincial destina 80.000 euros ao proxecto

Ourense, 25 de setembro de 2025.

A Deputación de Ourense reafirma o seu “compromiso crecente” coa expansión internacional das empresas ourensás, a través dun taller de produtividade con intelixencia artificial, celebrado hoxe no marco da iniciativa Exportou, impulsada conxuntamente pola institución provincial e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, destacou durante a inauguración do taller de produtividade con IA Xenerativa o papel da Deputación no “impulso á innovación, dixitalización e internacionalización” das empresas da provincia a través do ExportOU.

Ademais, lembrou que a institución ourensá incrementou este 2025 o investimento no programa de expansión internacional, ata os 80.000 euros, fronte aos 75.000 que se viñan aportando nos últimos anos.

Durante o taller, os emprendedores coñeceron de xeito práctico como aplicar as ferramentas de IA na súa actividade profesional: dende autorización de tarefas ata a facilidade na toma de decisións.

Oito anos dun programa referente

O programa ExportOU, impulsado pola Deputación e a CEO, leva oito anos en marcha na provincia, con cifras destacadas: máis de 300.000 usuarios rexistrados de 41 países; recibíronse 700.000 visitas á plataforma dixital; realizáronse máis de 770 encontros comerciais e rexistráronse máis de medio cento de empresas no directorio internacional “Marca Ourense”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------