En Ourense, 25 de setembro de 2025, A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebrou esta mañá o Taller de Produtividade con IA Xenerativa, unha xornada práctica dirixida a empresas da provincia para explorar o potencial da Intelixencia Artificial Xenerativa na mellora da produtividade e a innovación.
A actividade enmárcase na iniciativa ExportOU, impulsada conxuntamente coa Deputación de Ourense, e tivo lugar no Salón de Actos da CEO.
O acto de inauguración contou coa presenza de Rosendo Fernández, deputado provincial, en representación da Deputación de Ourense; e de David Martínez Alonso, membro do equipo de goberno da CEO, en representación da Confederación Empresarial de Ourense.
Na súa intervención, David Martínez destacou a excelente acollida da convocatoria, que rexistrou o dobre de solicitudes que prazas dispoñibles, con participantes de 15 sectores distintos e 14 localidades da provincia.
“A intelixencia artificial, e en particular a IA Xenerativa, xa está no radar das nosas empresas como unha ferramenta transformadora. A IA non é só tecnoloxía: é unha cuestión de persoas e de como incorporamos estas ferramentas ao noso día a día para ser máis produtivos, innovadores e competitivos”, subliñou.
Así mesmo, anunciou que esta xornada terá continuidade co Programa de Acompañamento e Capacitación en Innovación con IA Xenerativa – Conecta Ourense, que arrincará o próximo 1 de outubro co apoio do IGAPE e a Xunta de Galicia.
Pola súa banda, Rosendo Luis Fernández reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense co impulso á innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido empresarial provincial.
“O futuro económico de Ourense pasa pola capacidade das nosas pemes e autónomos para adaptarse aos novos tempos. Iniciativas como ExportOU actúan como motor de transformación e contribúen a que as nosas empresas poidan competir con garantías nun mercado cada vez máis esixente e globalizado”, sinalou.
A parte central da xornada estivo a cargo de Consolo Verdú Saiz, experta en IA Xenerativa aplicada á produtividade e en deseño de estratexias de innovación con metodoloxías como Design Thinking, Lean Startup e Agile. O seu enfoque práctico e orientado a resultados permitiu ás empresas participantes experimentar con casos de uso reais e adquirir ferramentas aplicables de forma inmediata na súa actividade profesional.