Esixen ao Concello unha solución inmediata ante os continuos desbordamentos de augas residuais e a falta de limpeza tras as choivas.
Os veciños da Avenida do Balneario volveron alzar a voz este pasado fin de semana nunha xuntanza veciñal na que analizaron as graves deficiencias que afectan á rúa e acordaron novas accións para esixir solucións.
Segundo denuncian, as inundacións levan producíndose dende hai moitos anos, pero a situación empeorou considerablemente tras as obras realizadas nas rúas Brasil e Cuba. Dende entón, con cada episodio de chuvia, as alcantarillas desbórdanse, as tapas saltan e as augas residuais rematan vertidas na vía pública.
O problema non só se limita ás inundacións: tras cada desbordamento, a rúa queda cuberta de restos, toalliñas e residuos que permanecen durante meses sen seren retirados, xerando cheiros insoportables que, en palabras dos veciños, fan “imposible convivir con normalidade”.
Xa no ano 2023, ante o deterioro progresivo da situación, os residentes organizaron unha recollida de sinaturas na que participaron máis de 150 veciños do barrio, co obxectivo de instar ao Concello a intervir de maneira urxente. Porén, denuncian que ata a data non se realizou ningunha actuación efectiva.
Ante a falta de resposta institucional, os afectados reclaman unha solución inmediata e advirten que, se non son escoitados, veranse obrigados a valorar novas medidas para defender o seu dereito a vivir nun contorno limpo e seguro.
“Estamos fartos de vivir entre cheiros pestilentes e rúas convertidas en alcantarillas a ceo aberto. Non podemos soportar máis esta situación”, subliñan os veciños.