A Deputación inviste preto de 300.000 euros en novas beirarrúas e firme na estrada provincial que enlaza Rairo co Cumial

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, supervisou hoxe o resultado das obras realizadas pola área provincial de Infraestruturas, que supoñen “unha notable mellora da seguridade tanto para os peóns como para os condutores”

Trátase da principal vía de acceso á cidade de Ourense desde O Cumial e onde se contabiliza unha media diaria de tráfico que supera os 2.500 vehículos

Ourense, 2 de outubro de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, supervisou hoxe o resultado das obras realizadas pola área provincial de Infraestruturas na estrada provincial OU-0513, que comunica Rairo  coa estrada autonómica do Cumial (OU-105).

Na zona urbana desta estrada, a Deputación investiu preto de 300.000 euros para a construción de novas beirarrúas e a renovación do firme. Un proxecto, dixo Luis Menor, que “supón unha notable mellora da seguridade tanto para os peóns como para o tráfico, ao circular por un trazado máis seguro”. Neste sentido destacou que se trata da principal vía de acceso á cidade de Ourense desde O Cumial e onde se contabiliza unha media diaria de tráfico que supera os 2.500 vehículos.

Luis Menor, que puxo en valor a colaboración co Concello de Ourense, destacou tamén que esta obra é froito do “importante esforzo inversor realizado nestes anos nas vías provinciais, multiplicando por catro os orzamentos destinados á rede de estradas da Deputación”.

Xunto coa directora da Área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo, e a concelleira Ana Méndez, na visita tamén participou o edil responsable de Urbanismo e Obras Públicas, Francisco Lorenzo, quen agradeceu a colaboración da institución provincial “na mellora dunha entrada moi importante para a capital”.

Continuidade a itinerarios peonís e nova capa de rodaxe

O proxecto de reforma desta vía executouse en dúas fases. Nun primeiro momento as obras deron continuidade aos itinerarios peonís existentes, mellorando a accesibilidade con actuacións puntuais que permitiron ensanchar as beirrarúas. Os traballos realizáronse a partir da glorieta situada ao remate da rúa Ramón Puga, xa na nova urbanización de Barrocás, o que redundará nunha maior comodidade dos residentes. O investimento superou os 48.000 euros e as obras concluíron en xullo

Na segunda fase renovouse a capa de rodaxe nun treito de 2,2 quilómetros desta estrada. A estes traballos destinouse un investimento de máis 241.000 euros, sendo rematados a finais do verán.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------